Salamanca e Bruxelas acollen desde mañá actividades en defensa da fala galega no Bierzo e Sanabria Na base española da Antártida hai un poste cunha morea de carteis que indican os kilómetros desde alí a varios lugares. Un dos letreiros, con fondo de bandeira galega, di: «Betanzos dos Cabaleiros 12.738 kms». Si o galego é capaz de chegar á Antártida, con máis razón chegará os veciños territorios de León, Zamora e Asturias. Os máis de 30.000 galego-falantes do Bierzo occidental estarán representados desde mañá ata o sábado en dous actos reivindicativos desta fala que terán lugar en Salamanca e Bruxelas.
30 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Xornadas sobre o galego exterior é o encontro que desde mañá ata o sábado reunirá a expertos en linguas minoritarias en Salamanca e Vilafranca do Bierzo; entre eles estarán Roberto Bolognesi e Renata Puddu, das universidades de Groninga e Friburgo, respectivamente, que falarán da normalización das «linguas minoritarias/minorizadas» en España e Italia comparando os casos do galego e o sardo. Xoán Carlos Lagares, lector de galego na universidade Salamantina, di que os obxectivos do encontro son «traer expertos para facer unha caracterización lingüística do galego en Castela e darlle unha perspectiva sociolingüística a este feito». Xavier Lago, membro do colectivo Fala Ceibe, que tamén colabora nas xornadas, explica que os datos que se barallan son de pouco máis de trinta mil galego-falantes, aínda que cita ó profesor da Universidade de Santiago, Francisco Fernández Rei, especialista no tema, que sitúa a cifra en corenta mil. O xoves e venres as ponencias e as mesas redondas do encontro, no que tamén colabora a Universidade de Vigo, analizarán o galego en Asturias e as posibilidades de cooficializalo en León e Castela. A última xornada, a do sábado, terá lugar en Vilafranca del Bierzo cunha mesa redonda sobre O galego, lingua propia de municipios externos á Galicia administrativa e na que, ademais de políticos e especialistas de León e Zamora asistirá o alcalde de San Martín de Trevejo, na provincia de Cáceres, onde tamén se fala galego.