«Eladio ... ¿que máis?»

R.G. A CORUÑA

TELEVISIÓN

A morea de libros sobre o protagonista do Día das Letras Galegas intenta recuperar un autor moi pouco coñecido Soa o teléfono. «Dígame». Unha voz noviña pregunta atropeladamente: «Mire, ¿como se chama o señor das Letras Galegas?». Logo explica algo dun traballo na escola. «A ver rapaciño, é Eladio Rodríguez González,... si, Rodríguez González». Máis preguntas: onde naceu, algunha obra súa... Tendo en conta o número de chamadas recibidas na redacción deste xornal, parece que o coñecemento de Eladio Rodríguez González non é moito. Ás editoriais galegas están publicando un bo número de libros sobre este autor, aínda que o portavoz de algunha delas apunta que sería necesario un maior esforzo da Xunta para dar a coñecer o lexicógrafo ourensán.

26 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

A figura de Eladio Rodríguez González (Leiro-Ourense, 1864-A Coruña, 1949) é case un mito entre os especialistas gracias ó seu diccionario, O don Eladio, como o coñecen os que traballan na lexicografía; non é estraño por iso que un dos libros publicados sobre a súa vida e obra, o de Xoán González-Millán, leve como subtítulo, referíndose precisamente ó diccionario, A canonización lexicográfica da literatura galega. Pero, fóra destes eidos culturais, o nome de Eladio Rodríguez González é case descoñecido para moita xente, sobre todo para os miles de estudiantes ós que nestas datas lles encargan traballos sobre o Día das Letras Galegas e o seu protagonista.