«Falarase inglés e a lingua da aldea»

La Voz

TELEVISIÓN

Luciana Stegagno, filóloga e catedrática da Universidade de La Sapienza, en Roma

07 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

«Para min a Galiza é unha especie de infancia que eu non tiven; nós temos todos un xardín primeiro, non sei, tal vez antes do pecado orixinal; isto meu é antes do meu pecado orixinal, estiven aquí en agosto, agora e quero voltar, e quero ser italiana, cidadán do mundo, e galega tamén». Ela é Luciana, non dí moito máis de si mesma, no seu portugués-galego mesturado con espresións italianas. «Ma non poña nada, eu son Luciana, nada máis», di. Pero é moito máis esta octoxenaria incansable que fixo cinco veces o camiño de Santiago. Luciana Stegagno Picchio, filóloga, catedrática da Universidade de La Sapienza de Roma, colaboradora de Jacobson, -un clásico da filoloxía- e «unha das mulleres que máis sabe da literatura portuguesa medieval», en palabras de Carlos Casares. -A súa especialidade é a literatura medieval, ¿non? -A miña especialidade é todo. Eu estaba tan apretada en Portugal pero só o portugués era moi estreito para min e polo tanto me ocupei do Brasil, me ocupei da África, andei pola California a enseñar o portugués, andei... andei en toda parte onde houbese un padrao portugués. -¿Cal é o papel do portugués? -O portugués é falado por moitos brasileiros. Aquel purismo dos portugueses, de non ceder, despois da Revolución, os portugueses abrandaron un pouco co seu portugués. A min me dicen que eu falaba un belísimo portugués e que agora estraguei o meu portugués en Brasil. Eu lles digo aquela cousa que din os brasileiros: a miña lingua é brasileira xa pasou de portugués. -¿Os galegos deberían asumir a lingua portuguesa? -Hai que falar como se queira, ser aceites, non ser racistas. Eu estou contra todos os racismos. Escribir como coidan, como falan. Eu un pouco lingüista son e a lingua é como a fala a maioría, senón falabamos todos latín aínda. Como dicía Mario de Andrade, a lingua é a suma milenaria dos nosos erros, nós cos erros mudamos a lingua. Isto do portugués e o galego... As primeiras veces que vin non percebía esas divisións: metade do país dicía mai, a outra metade nai, pero para min nun había ningunha supremacía dunha nin doutra... -¿Vamos a unha cultura multilingüista na que todos falen varios idiomas? -Non, teñen que falar inglés... (risas). E despois a lingua da súa aldea. Habendo este esperanto común que é o inglés, despois virá o rexurdimento dos dialectos... por exemplo, na miña terra, eu son piamontesa, resurden os dialectos, resurde unha literatura dialectal, un gosto dos pequenos gremios. -¿Van seguir vivos os dialectos? -Teñen que rexurdir, tendo unha base común que é a lingua de comunicación, que será o inglés porque para que queremos o esperanto se existe o inglés. Eu sempre fun contra o esperanto. -Viaxa, traballa... -¡Como se fose unha menina! Teño un fillo profesor universitario que me di: Tu cando creces, mai. Eu digo, nunca.