Os latexos da fraga

RODRI GARCÍA A CORUÑA

TELEVISIÓN

Unha obra de Fernández Naval, ilustrada por Suso Cubeiro, descubre o mundo máxico do bosque galego Está aconchado como a fraga no outono. Ten unha portada na que as árbores semellan o Pórtico da Gloria, «porque o bosque é como un santuario, un espacio máxico, un lugar de acollida». As páxinas ilustradas por Suso Cubeiro esconden 72 seres mitolóxicos: fadas, mouchos ou a Santa Compaña. É unha viaxe ó corazón da fraga a través dun conto, unha guía de animais e unha proposta de xogo que, todo xunto, están no libro «No corazón da fraga» (Everest Galicia) que se presenta hoxe en Compostela.

20 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

«A fraga está chea de ollos que axexan. Nós non vemos ninguén pero eles si que nos ven a nós. Pode ser un esquío, un raposo oculto na espesura, un trasno que se escondeu na ramalla ou un mouro que acocha os seus tesouros baixo as raíces dos castiñeiros». Así explica un pai a súa filla o que pasa na fraga, nun conto que é o que abre o libro no que Francisco Fernández Naval e Suso Cubeiro viñan traballando desde o verán do ano 99. «Quixemos facer algo máis que un libro, que fose divertido, que contase a historia da fraga e que enseñe cousas prácticas», explican os autores. Despois de cada ilustración a doble páxina de Suso Cubeiro, con poéticos textos de Fernández Naval, van dúas páxinas nas que se contan cousas da vida de cada un dos animais debuxados. Como «existen máis cousas e seres dos que vemos cos ollos de ver», en cada ilustración hai seres mitolóxicos agachados que os lectores teñen que descubrir. Son un total de 72 e están recollidos nás últimas páxinas do libro con nomes como Busgoso, o señor do bosque, Ledo, «un trasniño larpeiro que lles rouba os doces ós nenos», Roncudo, o petrucio dos ananos, ou Paladís, o unicornio que chegou do frío.