O XABARIL BRANCO

La Voz

TELEVISIÓN

JOSÉ ANTONIO PONTE FAR

20 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

As novelas por entregas constituíron unha modalidade moi extendida dende o derradeiro cuarto do século XIX. Caeron en consideración xa moi entrado o XX, porque o xénero foise esclerotizando cando quedou en mans de escritores mediocres. Repetíanse os tópicos e empezouse a notar a improvisación e a rapidez con que era escrito cada capítulo. Sen embargo, este tipo de novelas tamén tivo representantes ilustres en tódalas literaturas. Baroja foi un confeso devoto do xénero; Galdós e Blasco Ibáñez, uns sobresaíntes cultivadores. Fora de España, Dickens, Stendhal e Alexandre Dumas (pai) engrandeceron a grande literatura con este tipo de relatos. Afortunadamente, Tucho Calvo non tivo en conta os prexuízos que a crítica academicista ten sobre as novelas por entregas, e escribiu, ó longo dun mes, unha peza literaria dignísima, que hoxe aparece en forma de libro nunha excelente edición de Ir Indo, co luxo das ilustracións de Miguelanxo Prado. A ausencia de prexuízos literarios en Tucho Calvo, e a súa capacidade para contar ben unha historia complexa, fixo posible unha fermosa narración, O xabaril branco, novela moi ben construída e mellor narrada. Seguindo o discurrer vital do protagonista, o relato abarca a vida de Fito, un rapaz nado nos Ancares no derradeiro tercio do século pasado, que, dotado duns certos poderes paranormais que o protexen, afronta unha dura emigración a América, para morrer en Bos Aires, sendo un home en plena madurez. Sucédense as aventuras, pero tamén as reflexións sobre os feitos e as actitudes. Hai rapidez e entretemento na superficie, pero sosego reflexivo no fondo. A novela, fiel ó xénero aventureiro, transcorre entre unha línea que bordea tanto a fantasía coma a realidade. O xabaril branco que tan só Fito pode ver, a danzarina do Miño, a caixa de buxo que contén os máis variados remedios para o corpo e para o espírito, son partes do compoñente fantástico da obra. Pero a friaxe das noites invernais, as penurias da vida diaria nas pallozas, o temblor do medo ó descoñecido, o amor desacougante e xuvenil, os principios éticos do personaxe, ese sabor a vida sinxela e ese arrecendo a loureiros e a erbas tan ben conseguidos por medio da linguaxe e do estilo, aportan á obra o atractivo da realidade. Novela que disfruta un rapaz e agradece un adulto.