MIGUEL A. FERNÁNDEZ INTERFERENCIAS
01 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Si Tele 5 marchou a Córdoba a dar as badaladas e os do Plus recurriron ó Guiñol para as súas, a TVG preferiu a tópica Porta do Sol. Tivo a oportunidade única (falamos dun cambio de milenio) de marcar a diferencia e desprazarse á Coruña para participarnos da estrea do impresionante obelisco Millennium, pero abeirouno a un cachiño da pantalla para priorizar o que estaban a dar La Primera, La 2 e Antena 3. Sorprende máis esta falla de refrexos en San Marcos cando polas características visuais do monolito acristalado e polo seu carácter de peza única en España, merecería un tratamento de absoluta prioridade por canto a obra de Porto e Desmonts non só pasa a ser patrimonio dos coruñeses senón tamén de tódolos galegos. Non se esqueza que a televisión tamén é espectáculo, e o puzzle inaugurado no barrio de Labañou tiña tódolos ingredintes de luz e cor para servir unhas badaladas para a historia. A TVG debería pasar de localismos e etiquetas da piolla, na procura dun producto diferenciado nestes tempos de abafante atonía audiovisual. Que prefiran a Porta do Sol á Berenguela, alá eles. Pero o do Millennium antóllase dunha cativeza intelectual, que nin a festa posterior as badaladas na Quintana nin a conexión con Porto, conseguirán minimizar. Perdeu tamén unha boa ocasión de facerse con imaxes de venta moi doada noutras televisións do mundo. Non se enteran.