«A literatura é un destino»

TELEVISIÓN

Xosé Carlos Caneiro, gañador do Eixo Atlántico e o Blanco Amor Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) recolle esta noite en Oleiros o Premio Blanco Amor de Novela, polo seu libro «Ébora», galardonado tamén co Eixo Atlántico. Unha obra, que chega precisamente hoxe ás librerías, coa que o escritor ourensán culmina «a pentaloxía iniciada con `Infortunio da soidade''». «Probablemente -engade- esta é a miña novela máis feliz». Caneiro, que compaxina a literatura co seu labor na docencia («porque non me queda outro remedio», confesa sorrindo), di que, para el, a escrita é «un destino».

14 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Caneiro escribe «a man» os poemas, pero para as novelas prefire o ordenador. «Aínda así -conta-, sempre levo comigo cadernos nos que vou tomando notas sobre os trasmundos que a realidade oculta, que son os que realmente lle interesan a un escritor». -Dise que esta novela, que gañou os dous premios, é a súa obra máis ambiciosa... -Penso que non. A máis ambiciosa, probablemente, era Os séculos da lúa. Pero esta é a máis completa. -¿Que quere dicir iso? -Que este libro combina a altura estética de Os séculos da lúa cunha maior accesibilidade para o lector. É unha novela máis transparente. -Vostede leva gañados tódolos grandes premios de Galicia, incluso o Torrente e o Eixo Atlántico, nos que a literatura galega compite internacionalmente con outras linguas e autores de fala hispana e da lusofonía. ¿Influiu iso na venda dos seus libros? -Pois non teño nin idea. Non sei qué contestar. O problema do mercado dos libros é que as vendas rara vez van parellas a criterios exclusivamente literarios. Sempre considerei que o escritor debe preocuparse polo valor estético do que escribe e non por elementos esóxenos á literatura. O narrador non está para ocuparse da mercadotecnia; ese é un labor de outros. Non me resigno a escribir baixo as leis do mercado. -Pero se os libros non se vendesen... -O mercado esixe un determinado tipo de textos, cunhas características precisas: facilidade de comprensión, extensión limitada, estructuras simples, linguaxe ortodoxa... Non creo que a literatura poida amarrarse con ningunha cadea. Estou (sorrí de novo) totalmente en contra das cadeas e da dictadura do simplismo. -¿A quen van dirixidos os seus libros? -Ó maior número posible de persoas, cun afán universalista. Pero non te estrañes, isto non se contradí co anterior. O que pasa é que non estou disposto a renunciar á miña concepción da arte por acadar un éxito puntual e efémero. Nese mesmo senso, a posibilidade de estar traducido a outras linguas supón, para min, unha maior difusión do meu traballo entre un público que non é necesariamente o que nas librerías busca un producto perecedoiro, senón o que anda á procura dunha escrita que poida sobrevivirlle ó tempo. Iso é, en realidade, o que eu procuro: escribir para a memoria, non para o olvido.