ISAAC DÍAZ PARDO
19 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Eladio Dieste, que morreu este verán, nascera en Montevideo no ano 1917. O seu pai tiña unha manchea de irmás entre os que se contan Eduardo Dieste, autor entre outras obras de El Buscón poeta, cofundador da revista P.A.N. que dirixía Otero Espasandín (outro dos ilustres galegos exilado e, como moitos outros, esquencido), e con Castelao, Arcos Moldes e Rey Baltar, foi un dos creadores de El Barbero Municipal (do que remata de saír unha edición fancsimilar dirixida por Xosé Luis Axeitos). Outro dos tíos de Eladio era o noso Rafael Dieste. Trátase pois dun membro dunha familia moi vinculada a Galiza, e concretamente a vila de Rianxo. Na Coruña e na casa dos Dieste en Rianxo vive unha prima de Eladio: Mireya Dieste, viúva do doutor Antonio Baltar (outro dos intelectuais galegos mortos no exilio, tamén esquencido en Galicia). A obra de Eladio Dieste participa tanto da enxeñería como da arquitectura, cunha precisión de cálculo moi avanzada, e toda ela envolta nun gran sentido poético. Almas metálicas O elemento visible e o ladrillo que forma elementos constructivos de moi pouco espesor, formando paredes e cubertas, que en algúns casos salvan vanos de máis de cen metros, baseando a súa resistencia en formas onduladas a máis das almas metálicas que se integran nas pezas cerámicas. Todo responde a un cálculo de resistencias moi preciso dos elementos fundidos ou formigonados nas unións sobre encofrados moi estudiados, recuperados con elementos hidráulicos deseñados polo mesmo Dieste. Algúns autores falan dun certo parentesco da obra de Eladio coa arquitectura de Gaudí. Mais coido que a obra de Dieste correspóndese máis coas inquedanzas nas que traballou Candela.