OS ÚLTIMOS DÍAS DO AUTOR

La Voz

TELEVISIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

16 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Tense falado moito, e ben, das horas postreiras do autor de Divinas palabras en Santiago, por intelectuais que o coñeceron e trataron. Na nosa memoria quedaron algúns datos daquela etapa. Lembrámolo divagando con varios amigos polo Paseo da Ferradura. O bosque de Santa Susana tramaba en negro de toros derramados, basílicas silandeiras. Na lonxanía, a penas material, o Pico Sacro inclinábase graciosamente en nobre cortesía. Dentro da cidade, os altos da catedral, as torres piramidais, recortadas como arbustos, definían estilos de sublime leveza. Unha briosa hora de mocidade brillaba entre os grises composteláns. Valle-Inclán, estampa esmorecente dunha vida, rendía o trazo último dos seus arruallos bradominescos. A cincenta tonalidade das súas guedellas e o refinamento do seu estilo, confundíanse no ambiente bretemoso. Interposto na barroca gracia urbana, parecianos como se andase a resucitar os xa alonxados ecos renacentistas: vastos e garridos pazos, escaleiras de mármore, vellas estatuas que branquexaban entre buxos seculares. Aquela distante literatura protagonizada por damas desdenosas e refinadas, esleíase baixo o sopro do lirismo galego. A lembranza do escritor, paseando a súa figura alteirosa, aínda que triste e fatigada, polas rúas santiaguesas, quedou gravurada en nós. Non era xa a daquel don Ramón con sombreiro de alta copa, puntiaguda barba negra, longa guedella sobre o colo aveludado do seu makferlan, quevedos atados a unha fita moura. O Valle-Inclán que tan popular fixera as súas extravagancias no Madrid aínda adormecido polas tertulias do Café de Fornos. Viña ser, en troque, un auténtico fidalgo de Galicia, con señorío de letras e de alma, reintegrado ó segredo emocional da cidade que sentía saudosamente desde os seus anos estudiantís. A nobre melancolía dos seus arredores, ambientada con idoneidade a excelsa figura do artista. Unha paisaxe de veludo, cristal e néboa. Toda a Galicia lírica, sensual, supersticiosa... adquiría corpo e espírito perdurables. Valle-Inclán estaba a pasear ó redor da carballeira de Santa Susana. En horas grisallas e toldadas, semellaba como se revivise a vella ribeirana asubiada polos merlos que cuidaba Florisel, despertando en Bradomín «el recuerdo de las felices danzas célticas, a la sombra de los robles». Entre glorias de aurora verdegal remanecía a nota leda daqueles contos que aquí, en Brumosa, sucederan. A lírica valleinclanesca, ás veces primitiva, noutras anovadora, resonaba con acentos fistérricos. Perante a nosa ollada admirativa rexurdía a cor, sempre viva, dos temas galegos que o artista universalizou. Os aires lexendarios, eternos, arcaizantes, destas nosas terras occidentais. Os xogos imaxinativos, gravurados na tricomía, verde, gris, ourovello, do val ou do pazo. A luz nunciadora dos panoramas natais, que se esvaían no campo ondeado e lenturecido, cun remate de cumes azuis e escuros piñeiros mortos. Un día de xaneiro, treboento, revolto, con vento forte, chuvia e sarabia, levouse o cadaleito do escritor ó cemiterio de Boisaca. Déuselle terra ó seu corpo na última hora do serán. Unha gran nube negra cobría as torres de Compostela, adiantando a noite. Resonaba algún trono. Chovía a trallazos. Zanqueábase borrifando a auga das pozas. Luces tremelantes e sombras buligantes. Un acto que cadraba co autor de Las comedias bárbaras, segundo dixo Ánxel Fole. Fantasmal, alucinante, de pesadelo. Como se os personaxes das obras figurasen no cortexo. Os lóstregos alumaban a escena. Os asistentes non se foron, desapareceron. Barbados fidalgos, grosos abades, cegos de feira... A morte de Valle-Inclán, a súa propia, a «destinada», produciuse na súa amada Compostela. No corazón da pedra e bronce da gran Galicia.