GALICIA E PORTUGAL

La Voz

TELEVISIÓN

FRANCISCO FENÁNDEZ DEL RIEGO

09 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Vén de vello a relación entre persoeiros da cultura portuguesa e da galega. Nos días contemporáneos encetouse, ó rematar a primeira guerra europea, a través das Irmandades da Fala. Naqueles anos viñeron a Galicia diversas embaixadas culturais do país irmán. Desde aquí foron a terras portuguesas figuras sobranceiras da nosa cultura. Nas revistas A Águia, Descobremento, Seara Nova, colaboraron escritores galegos. En Nós, A nosa terra, Ronsel, colaboraron escritores de alén-Miño. Intelectuais como Vicente Risco e Xoán Vicente Viqueira mantiveron estreitos contactos con Teixeira de Pasçoaes e Leonardo Coimbra. Na Universidade de Santiago, onde existía un Instituto de Estudios Portugueses, dictaron interesantes leccións Joaquim de Carvalho, Jaime Cortesão, Hernani Cidade e Fidelino de Figueiredo. Porén, o verdadeiro estreitamento dos vencellos culturais entre Galicia e Portugal, produciuse a partir do Seminario de Estudos Galegos. Esta institución celebrou en Porto, no ano 1935, unha Semana Cultural Galega, promovida pola universidade desa cidade. Participaron nela Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Filgueira Valverde, Bouza Brey e outras significativas personalidades daquel tempo. Este precedente tivo continiudade máis tarde en diversos congresos celebrados en localidades minhotas. No Coloquio de Estudos Etnográficos Dr. José de Vasconcellos, do Porto, fixo Otero Pedrayo unha fermosa evocanza da figura que lle daba nome ó coloquio. Sinalou que descobrira no vulgar a nobre executoria. Alumno da brillante escola médica portuense, convertírase no gran salvador das esencias e formas autóctonas do seu país. En aldeas e parroquias galegas realizara pescudas etnográfico-lingüísticas, e na Coruña improvisou un belo soneto adicado a Galicia. En Braga tivo lugar outro congreso sobre a época medieval, ó que concurreron significados intelectuais de aquí. As coincidencias dos temarios galegos con moitos dos portugueses, obedecían ás orixes comúns. Porque a vella Galicia organizada polos romanos no século III; tivera xa en Braga a súa capitalidade deica o século VIII. Fora a partir de aquí ata o XII, cando se produciu esencialmente a formación do romance galego. O romance destinado a se converter en galego-portugués. Falouse de que durante ese período, os costumes, as tradicións, o folklore, en fin, asentara na oralidade manifestacións coincidentes. Pero os congresistas de aquén e de alén Miño non só intercambiaban opinións sobre temas etnográficos, castrexos ou arqueolóxicos. Referíanse, principalmente á vida literaria medieval galego-portuguesa. Os escritores dunha e doutra banda do Miño mantiñan daquela unha úbeda intercomunicación que foi esmorecendo. Intercomunicación que compre reverdecer nos días de hoxe.