Yolanda Castaño publica un libro-disco no que canta e recita os poemas das súas obras Liñas paralelas. Poesía e música. Versos no pentagrama. Yolanda Castaño (Santiago, 1977) dá un paso máis e mestura as letras dos poemas coas notas musicais. A súa lírica é coñecida e recoñecida co Premio da Crítica Española. A súa sorprendente voz musical descubriuna onte diante dos que acudiron ó Fórum Metropolitano da Coruña.
21 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Edénica (Espiral Maior) é o título do libro-disco presentado onte por Yolanda Castaño, autora de Elevar as pálpebras, Delicia e Vivimos no ciclo das Erofanías. Por este último recibiu o Premio Nacional da Crítica española e vén de ser publicado en bilingüe, castelán e galego, por Huerga y Fierro Editores. En Edénica, «unha antoloxía rigorosa da obra da autora», segundo o seu editor, Miguel Anxo Fernán-Vello, Yolanda Castaño canta e recita. Por enriba da música do compositor leonés José Antonio Calero, soan os versos: «Dame un fogar e sanarei as túas costas. / As túas labiais louvanzas as louvanzas únicas. / Así quero que me contes cómo e cánto me buscaches / e que así rememores todos os nomes da ausencia, / de cando eramos aínda tan remotos cara a cara, / e que queden sepultados baixo o cemento do esquecemento». Vitalismo e erotismo son o fundamento da súa lírica, segundo recoñece esta licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade da Coruña que dedica este libro disco á súa nai, irmán e amigos. Sorprende a poeta convertida en cantante pola súa voz fresca. No primeiro tema do CD entona Liñas paralelas: «Sexamos sempre xuntos liñas paralelas. / Cómo se che dá ben almorzar as miñas astucias...». Así, música e verso, voz e poemas, lírica e melodía en dez temas máis, algún deles co mesmo título dun dos seus libros, Vivimos no ciclo das Erofanías.