Suso de Toro presentou «O país da brétema», un libro sobre os celtas

C.P. SANTIAGO

TELEVISIÓN

«Un camiño de volta cara a un lugar que algúns chaman pasado porque ignoran que segue vivo no subterráneo, unha viaxe a un mundo misterioso onde habita xente máxica». Diso trata o último traballo editorial do escritor Suso de Toro, O país da brétema, unha obra de non ficción que supón «unha viaxe por toda a cultura celta».

08 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

O libro, un encargo da editorial Aguilar, foi presentado onte en Santiago nun acto patrocinado pola Fundación Wintenthur, ó que asistiu o presidente da entidade, Jaime de Marichalar, Duque de Lugo, que se sentou na primeira fila, acompañado polo conselleiro de Cultura, Pérez Varela, o polo alcalde de Lugo, Orozco.
Na presidencia do acto estiveron, ademais do autor, o director de Wintenthur e a da editorial, Carmen Lacambra. O comedor real do Hostal dos Reis Católicos completou o seu aforo con numerosos invitados, familiares e amigos do autor compostelano.
Percorrido sentimental
Suso de Toro, coas súas sempiternas gafas oscuras, presentou el mismo a súa obra. O escritor explicou brevemente como se xestou este libro, un percorrido sentimental ó longo de duascentas páxinas nas que lle da saída «a chamada do mito e do misterio», en contra da tendencia a desmitificalos dos escritores do século XX, como explica no primeiro capítulo, no que refire como naceu o seu interese polo mundo e a cultura celta, que dos que di que «sempre se saberá pouco», porque teñen que ver máis coas crenzas, os sentimentos e os estados de ánimo. «E este libro é un sentimento sostido, un estado de ánimo». Así é como o autor Suso de Toro dá conta das palabras celtas que nos quedaron, das aves do pasado, das invasións do famoso guerreiro Cú Chulainn, das fazañas de Finn, o casamento de Branwen e a cabeza de Bran.