Máis de 300 estudantes participaron na entrega de premios Voz Natura e Prensa-Escuela, que chegaron este ano a máis de cen mil escolares galegos
12 jun 2026 . Actualizado a las 12:57 h.Formar pequenos cidadáns activos, comprometidos e concienciados que melloren a sociedade. É a misión fundamental dos programas educativos de La Voz de Galicia —Voz Natura e Prensa-Escuela—, iniciativas que este curso chegaron a máis de cen mil escolares galegos e que onte entregaron no Museo da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre os premios correspondentes a este curso nunha gran festa que xuntou máis de trescentos estudantes de toda Galicia para despedir o curso e felicitar entre aclamacións aos centros e ao alumnado gañadores.
Un total de 385 proxectos medioambientais desenvolvidos por outros tantos centros escolares formaron este ano parte de Voz Natura, un programa da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre que leva en funcionamento dende 1997 e que contou este curso co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex. Tamén colaboraron Gadis, Sogama, a Garda Civil, a Policía Nacional e o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología. Este ano, a proposta central do programa era a procura de alternativas para paliar as graves consecuencias da crise climática. Os centros gañadores nas sete categorías (Premio Galicia, Premio Mellor Comunicación, Premio Mellor Proxecto Infantil e os catro premios provinciais) recibiron como agasallo unha reprodución dunha folla de carballo, símbolo de Voz Natura, elaborada por Antonio Studio, da Coruña.
Pola súa banda, o programa Prensa-Escuela —que xurdiu como unha extensión do suplemento pioneiro La Voz de la Escuela, que La Voz puxo en marcha no ano 1982— involucrou este ano a 1.670 aulas de cincocentos colexios e institutos, e, ademais, desenvolveu actividades como as charlas contra as noticias falsas que os xornalistas de La Voz impartiron ao longo do ano escolar en 30 centros educativos de Galicia e que ensinaron a uns 1.700 alumnos a enfrontarse a loias e desinformación coas que se atopan diariamente.
Unha festa chea de maxia
A celebración dos programas educativos serviu para xuntarse para despedir o curso, continuar aprendendo, celebrar os mellores proxectos e tamén aprender un ou dous trucos do mago Dani Polo
T.M.
Cando actuamos para adultos dalgún xeito tamén estamos actuando para nenos, porque normalmente sacamos o cativo que todos levamos dentro». Dicíao Dani Polo, pouco antes de comezar a actuación de Galicia Ilusiona diante dos máis de 300 estudantes que se deron cita no Museo da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre para celebrar a fin do curso dos programas educativos Voz Natura e Prensa-Escuela . Abofé. Só había que ver como Rubén Santamarta, director de La Voz de Galicia, era quen de barallar unhas cartas invisibles. De como Claudia foi quen de flotar no aire por uns segundos e asistir a como a profesora Mercedes introducía unha moeda nun recipiente no que non había burato. A audiencia eran sobre todo cativada, pero tamén había caras de abraio entre os adultos que os acompañaban.
Aprender «miragres»
E ademais houbo tempo para aprender un par de trucos de maxia, como a facer desaparecer unha botella de vidro dentro dunha bolsa e tamén a agachar unha variña máxica que lle foi entregada a cada un dos asistentes. E para discutir se un dado debía viaxar dunha caixa a un sombreiro de xeito visible ou invisible ou máis rápido ou máis amodo.
A actuación do mago Dani Polo durante a entrega de premios foi uns dos momentos máis especiais dunha festa que, porén, serviu para moito máis. Para xuntarse e compartir tempo de lecer. Para celebrar a chegada do verán e das vacacións. Para coñecer a rapaces e rapazas doutros centros escolares de Galicia igualmente implicados na educación medioambiental e na procura dunha información crítica. Para tomar unha merenda nutritiva baixo un marabilloso sol de primavera e para visitar as instalacións da central de La Voz de Galicia e aprender como se fai o xornal que todos os días chega a casa.
Unha xornada inolvidable no xornal
Os estudantes realizaron unha visita á redacción central e á planta de impresión e distribución, onde aprenderon o proceso de produción do periódico
P. VILASOA
Rematada a entrega de premios, chegou o momento de repoñer forzas para continuar coa xornada. Aproveitando o día solleiro e a agradable temperatura primaveral, nenos e mestres trasladáronse ao céspede do recinto de La Voz para gozaren dun pícnic, con sándwiches, biscoitos, espetos de froitas variadas e especialmente uns triunfadores cruasáns, que non duraron no prato máis dun par de minutos sobre as mesas, moitas delas feitas polos compañeiros de Servizos Xerais reutilizando madeiras de vellos palés.
«A comida foi o que máis me gustou», dixo unha satisfeita nena durante a merendada. Pero aínda lles quedaba moito por ver. Porque, tras rematar este pequeno momento de lecer —no que tamén xogaron sobre a herba, conversaron e sacaron fotos de grupo—, comezaron unha ruta completa por todas as instalacións da sede central do xornal no polígono arteixán de Sabón.
A primeira parada foi na redacción, onde tiveron a oportunidade de ver os xornalistas da redacción central poñendo a andar o xornal do día seguinte e a edición dixital. Alí puideron ver en directo, precisamente, cales eran neses intres as noticias máis lidas na edición dixital do xornal. Sorprendeulles saber que había traballadores ata altas horas da madrugada para garantir que o diario en papel chegue puntualmente aos lectores. «Supoño que ao día seguinte entrarán máis tarde», empatizou, preocupada, unha rapaza do colexio Montesol de Vigo a unha amiga. «Claro, porque se non, cando dormen?», reflexionaba a súa compañeira, de camiño á zona de impresión e distribución do xornal.
Xa alí puideron coñecer de primeira man todo o proceso. Na sala de control da rotativa, moitos nenos souberon por vez primeira da existencia das pranchas de cor que se usan para imprimir cada prego. Interesados polo proceso de impresión, sorprendéronse ao saber que a rotativa de Sabón é capaz de sacar ata 40.000 exemplares á hora, e tamén pola minuciosa organización para que as trece edicións mais os suplementos cheguen a todos os puntos de venda e vivendas dos subscritores de toda Galicia.
O que máis abraiou a todos os rapaces que visitaron as instalacións de La Voz foi a sala onde se gardan as enormes bobinas de papel que se usan para os diferentes xornais que se imprimen aquí. Poucos podían crer que cada un eses cilindros tiña papel cunha lonxitude de 20 quilómetros. «Con tres deles chegaríase da Coruña a Santiago», reflexionaban durante a visita.
Por suposto, explicóuselles que tanto as pranchas de aluminio como o papel son reciclados. «Ai, menos mal, porque xusto estaba a pensar cantas árbores se tiñan que cortar», respirou moito máis tranquila unha alumna, imbuída do compromiso medioambiental.