Tempo e clima

Juan Taboada

SOCIEDAD

SERGIO SUEIRO

19 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro 12 de agosto terá lugar en Galicia un acontecemento moi singular: un eclipse total de sol. Pola súa natureza é un acontecemento astronómico, xa que a Lúa, cuxo tamaño aparente desde a Terra cadra co do Sol, ocupará por un breve espazo de tempo o mesmo lugar e ocultará completamente a nosa estrela. Polo tanto ao igual que sabemos que as mareas soben e baixan cada día e podemos anticipar eses movemento con moita precisión e adianto, podemos coñecer o momento exacto do eclipse con anos de anticipación. Pero neste caso é obvio que a meteoroloxía será un factor relevante para a súa observación e a meteoroloxía non é nin moito menos tan predicible como a astronomía.

A día de hoxe soamente podemos falar da climatoloxía, é dicir, de cales son as condicións medias a mediados de agosto. Galicia está nas latitudes medias do hemisferio norte e no verán recibimos máis radiación solar ca no inverno. Iso fai que o aire frío quede confinado nas zonas polares e o anticiclón dos Azores teña máis oportunidades de ascender en latitude, situándose ao norte da Península. Desde esa posición achega estabilidade e evita as influencias atlánticas, pero tamén ocasiona a aparición do nordés. Eses ventos fan que o aire se cargue de humidade ao seu paso polo Golfo de Biscaia e cando chega a terra ascende, baixa a súa temperatura e esa humidade pode condensar formando nubes que afectan especialmente a puntos do norte da comunidade onde o eclipse se poderá gozar na súa totalidade.

O eclipse ofrece unha excelente oportunidade para insistir na diferenza entre tempo e clima, dous conceptos que se confunden moito. O clima é a media mentras que o tempo é o que realmente experimentamos cada día, algo que en Galicia cambia con bastante frecuencia e rapidez. Para entender ben esta diferenza podemos usar varias metáforas. Por exemplo, coñecemos a esperanza de vida da poboación no seu conxunto, pero non podemos saber de antemán a de cada un de nós. A esperanza de vida da poboación representaría o clima e a dos individuos o tempo. Outra moi acaída para esta época do ano é que o clima sería como a clasificación do noso equipo nas diferentes ligas e o tempo o que fai en cada xornada individual.

Juan Taboada é coordinador de MeteoGalicia