Manuel Rivas e Alberto Pombo recollen o Premio Antón Losada Diéguez nun «momento de adversidade» para o galego

SOCIEDAD






A entrega de galardóns da corenta edición celebrouse na casa do intelectual de Boborás
14 jun 2025 . Actualizado a las 17:28 h.A casa de Antón Losada Diéguez volveuse encher de letras e compromiso ca entrega dos premios que levan o seu nome a que acabaron a corenta edición. Manuel Rivas e Alberto Pombo foron os galardoados no certame organizado polos Concellos de O Carballiño e Boborás, con 6.000 euros cada un e unha figura do artista ourensán Acisclo Manzano. «A lingua vive un momento de emerxencia e adversidade, doe especialmente esa sensación de que algo está a fallar no acordo segredo entre xeracións», expuxo o escritor Manuel Rivas na entrega dun premio que reivindica o idioma.
Rivas gañou a modalidade de Creación Literaria pola súa ultima novela Tras do Ceo. Presentáronse 22 obras e houbo tres votacións. O xurado valorou a calidade literaria e lingüística do libro gañador, xa que recuperando elementos clásicos constrúe un universo narrativo actual. Foi a segunda ocasión na que se fixo co Losada Diéguez, despois do ano 2007 ca novela Os libros arden mal. O escritor agradeceu o recoñecemento nun lugar onde o local —rememorando a Antón ou á Xeración Nós— se volve universal. Rematou o seu discurso recitando un poema dedicado a Marcos Valcárcel.
Alberto Pombo, pola súa parte, gañou a modalidade de Investigación e Ensaio pola súa obra Verso e acorde. Relacións entre a literatura galega e a música pop (1950-2000). Nesta categoría houbo 16 participantes. O libro é o resultado dun traballo de dez anos que partiu da súa tese de doutoramento. O xurado sinalou a contribución ao coñecemento da «outra música». Pombo exemplificouno ca historia de súa avoa. Non puido estudar pero recitaba poemas de memoria aprendidos no campo da festa: «Para ela eran cancións, pero non pensaba que fose literatura».
O acto contou cas voces do Orfeón do Carballiño, dirixido por Cristian Casas, a Banda de Gaitas do Irixo, que interpretou o himno galego. Fixo de conductor o presidente do Centro de Estudos Manuel Chamoso Lamas, Carlos A. Rodríguez Calvo, lembrando que se cumpren 40 anos do cabo de ano do que voi veciño de Losada Diéguez. Os dous premiados recibiron o galardón de parte do concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández, e do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, respectivamente.
Defenderon os premios do intelectual de Boborás como un estímulo para que escritores e investigadores se comprometan ca lingua galega. O conselleiro felicitou a implicación das administracións locais co fomento e recoñecemento da nosa cultura e das persoas que na actualidade seguen a enriquecela e a traballar a prol do seu crecemento.