Entregan os Premios Follas Novas nunha gala chea de luces e desexos
23 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O sector da literatura en galego deuse cita onte en Santiago para recoñecer, na véspera do Día do Libro, o labor deses autores, editores e libreiros que non perden a esperanza e seguen a traballar con ilusión e afouteza en tempos bravos. Ata trece obras e proxectos lectores foron distinguidos na gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego, na cal se entregaron outros tres galardóns honoríficos: á xornalista e activista mexicana Lydia Cacho (quen compartiu parte dun diario que escribiu en Galicia nos anos 80 e recibiu unha ovación do público no seu nomeamento como Escritora Galega Universal); á libraría compostelá Numax por xogar un papel dinamizador, «con inquedanzas, curiosidade intelectual, moitas actividades e integrada nun espazo cultural cunha oferta que leva da man cine e libros»; e á histórica Ediciós do Castro, por «unha traxectoria que exemplifica como poucas o compromiso co saber e a literatura galega».
A cita celebrada no Teatro Principal foi presentada pola actriz Patricia de Lorenzo e contou coa actuación do grupo musical Noar. Os premios outorgados pola Asociación Galega de Editoras (AGE), a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) recaeron en proxectos que «representan a excelencia da nosa cultura escrita durante o ano 2022», destacou en nome das tres asociacións Henrique Alvarellos.
O presidente da AGE falou dos pasos dados ata agora, da «innegable calidade», da «bibliodiversidade» que ofrecen e das librarías que crean comunidade, así como das «luces e desexos» que como profesionais albergan. Entre elas, o anhelo de que o libro en galego supere «esas ínfimas cifras de negocio que non alcanzan o 10 % do mercado» e de que se impulse un plan de lectura «verdadeiro, transversal, sedutor e ben dotado» por parte das administracións.
Unha ducia de autores recibiron un dos premios Follas Novas nesta oitava edición, a maioría mulleres, nun mundo literario no que elas teñen cada vez un maior peso. Así, entre as obras narrativas, venceu Os seres queridos (Edicións Xerais), de Berta Dávila; na categoría de libro infantil, O neno lume (Xerais), con texto de Ledicia Costas e ilustracións de Iván R.; na xuvenil, A ladroa da biblioteca de Meirás (Xerais), de Eva Mejuto, a cal escribiu tamén a publicación gañadora no eido divulgativo, Memoria diversa (Deputación da Coruña). En ensaio e investigación, premiouse A defunción dos sexos (Xerais), de Daniela Ferrández Pérez; en poesía, Barroco (Apiario), de Antía Otero; en teatro, As alumnas (Galaxia), de Paula Carballeira; e a mellor tradución foi Léxico familiar (Laiovento), polo traballo de María Alonso Seisdedos.
O premio ao libro ilustrado entregóuselle a Verme (Kalandraka), de Federico Fernández e Germán González; e o de banda deseñada, a Roxín Roxal. A daga do conde (Demo Editorial), de Manel Cráneo e Brais Fierro. Recoñeceuse como mellor libro editado —de novo— ao poemario Barroco; e, entre as iniciativas bibliográficas, a Chévere 1987-2022. Trinca e cinco anos de axitación cultural (Kalandraka), cunha das integrantes da compañía poñendo a nota de humor no teatro santiagués, metida no papel de Isaura. E nos traballadores das bibliotecas municipais da Coruña recaeu a distinción pola promoción da lectura.