Mayka Braña, actriz de «Saudade de ti»: «A Adela de Castro rompéuselle o corazón, converteuse nunha pedra»

Mónica Pérez
Mónica Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

.

A intérprete da vida a unha das protagonistas da telenovela da TVG que se emite de domingo 

10 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A actriz Mayka Braña, unha das caras máis coñecidas do panorama audiovisual galego, asume por primeira vez o papel de malvada na telenovela Saudade de ti, producida por Voz Audiovisual e que se emite de domingo a xoves despois do concurso Atrápame se podes.

—Como describirías a Adela de Castro?

—É unha muller poderosa, con carácter, que sabe moi ben o que quere, que non permite que lle tomen o pelo. Moi segura de si mesma. Aínda que foi criada nunha familia con cartos e é a dona da empresa non é o tipo de muller á que lle regalaron todo, tivo que demostrar ante seu pai desde moi noviña que valía para ser a herdeira da empresa familiar.

—Agora enfróntase ao escarnio público da infidelidade. Isto faina reaccionar, dalgunha maneira?

—Si, faina reaccionar e mover ficha, desde logo non vai quedar na súa casa esperando. Toma cartas no asunto e vai poñer ao seu marido, Gaspar, no seu sitio. Ademais vaille cambiar o carácter, da persoa máis amable que era antes, e tras saber da infidelidade do seu home faina endurecerse. Ela deduce esa infidelidade, aínda que o marido a está enganando todo o tempo, dicindo que non, pero ela sabe que así. Isto marca un punto de inflexión e convértese noutra muller.

—En «Saudade de ti» interpreta como actriz a unha mala, despois de moito tempo dando vida a xente boa.

—Estou gozando moitísimo desde novo rol. Tiña moitísimas gañas... Despois de case quince anos interpretando a unha muller boa, cun carácter tan dócil, tan servil, e de repente chega Adela Castro, unha muller que non se deixa dominar e que non é deixa que se lle suban moito nin tan sequera os fillos. Tenta poñer a todo o mundo no seu sitio. Pero ela é a primeira que da o callo, ela foi traballadora, os seus pais non lle regalaron nada. Desde vendendo peixe ata repartíndoo en furgonetas polos restaurantes. Esixe a todo o mundo iso, que todo o mundo traballe, mesmo aos fillos e a nora. Hai que traballar, traballar e traballar. Saídas de diversión ten poucas. (Ri).

—Adela e Gaspar poderían responder ao dito de que «dous que dormen no mesmo colchón vólvense da mesma condición».

—Ui, iso é adiantar moito... Pero eu diría que si, é unha máxima que case sempre se cumpre. Os espectadores terán que esperar aínda algúns capítulos para ver se tamén é unha realidade no caso deles dous.

—Adela vaille facer unha proposta á súa nora interesante, que é unha muller que teñen aí como menosprezada na familia...

—E que Mónica (a nora) ten que aprender. Polo seu carácter Adela pode parecer que menospreza, pero ela o que realmente o que quere é que aprenda, que poidan xestionar unha empresa. Adela o que realmente quere é que aprenda. Pero é certo que como a esta muller se lle rompeu o corazón e converteuse nunha pedra, pode parecer que a menospreza. O importante agora mesmo para ela son os negocios e no atura que ninguén lle falle.

—Que lle diría como actriz da serie aos espectadores que aínda non viron «Saudade de ti».

—Realmente agora están moi de moda as telenovelas, dunha media hora de duración, na que pasan moitas cousas, moitas intrigas, vinganzas, amores, paixón,... O que ten pasado na humanidade durante todos os tempos, o que funciona con parellas potentes, con diálogos onde se entende o que está pasando. Son moitos personaxes entrelazados entre si e á vez, protagonizada por moitas caras coñecidas da TVG. De repente estamos todos xuntos nunha mesma. Saudade de ti ten todos os ingredientes das boas telenovelas, é a media hora de duración é moi amable penso para quen o ve.