Quen é quen en «Saudade de ti»?

M. P. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Santi e Celia, nunha escea da serie
Santi e Celia, nunha escea da serie

Na localidade de Abrente todos se coñecen e teñen contas pendentes

05 jul 2022 . Actualizado a las 15:11 h.

Un tráxico accidente de tráfico no que morren dúas persoas sacode a vida de tres familias e obriga a unha doutora nova, filla dunha das falecidas, a facerse cargo de seu pai, da consulta médica da vila e de todos os pacientes da zona, á vez que tenta que se vaian pechando as feridas da fatalidade. Ese é o punto de partida de Saudade de ti, a nova serie da Televisión de Galicia que se emite de domingo a xoves e está producida por Voz Audiovisual.

Todo o mundo parece ter contas pendentes en Abrente. Pero no caso dos Otero, os Castro e os Eiroa, unha serie de segredos e intrigas mudarán as súas vidas para sempre. Pero quen é quen en Saudade de ti?

Os personaxes principais xiran arredor de tres familias, os Otero, os Eiroa e os Castro, principalmente. Isidro Eiroa, irmán maior de Dimas Eiroa, sofre de repente a morte da súa muller (Olga), pero ao mesmo tempo descobre que lle era infiel, e iso súmeo aínda máis na vergoña. A chegada da súa filla (Celia) e a súa neta (Noa) aínda porá a súa vida máis patas arriba, pero terminará atopándose cómodo no papel de avó.

No accidente de tráfico tamén morre a súa sobriña Uxía, filla maior do seu irmán Dimas e da súa cuñada, Teresa. Mentres o primeiro parece que nin sente nin padece por esas perdas, a súa muller pensa que ninguén máis sofre coma ela. E dirixirá boa parte desa ira a Lucho, o exprometido da súa filla.

Celia Eiroa chega á vila coa súa filla e atopará a seu pai desfeito e un centro de saúde por atender, onde terá os seus primeiros enfrontamentos con Santi, o enfermeiro. E alí atoparase tamén con Raúl, co que tivo unha relación no pasado.

Para engadir aínda máis problemas, a súa filla, Noa, coñecerá a Brais, irmán de Raúl, e sentiranse atraídos desde o primeiro momento.

Gaspar López, un auténtico encantador de serpes, fará o posible para que o seu affaire con Olga, coa que tivo o accidente que rematou con dúas mortes, non lle pase factura a nivel familiar, mentres loita contra as secuelas físicas tralo sinistro. Resentido, mostrará o seu lado máis escuro.

Adela, a súa muller, descubrirao todo, e dona e señora da empresa que fundou o seu pai, tomará as rendas con man dura e pasando por riba de quen se lle interpoña por diante.

O pasado sempre volve a Abrente, e boa mostra diso é o caso de Lucho, que tras perder a súa prometida Uxía, terá que refacer a súa vida. Mentras tanto Mónica, a muller de Raúl, que se sente minusvalorada, soña con ser nai ata que a súa sogra lle propón novos retos.

Unha enrevesada maraña de relacións que farán non perder ollo da pantalla do televisor.

As intrincadas relacións familiares e sociais en Abrente:

Familia Eiroa: 

Celia Eiroa Otero (María Tasende)

Celia é intelixente, práctica e afronta a vida con decisión e optimismo. O seu modelo de conduta sempre foi a súa nai, Olga, aínda que vai descubrir que non era como pensaba e que tiña unha imaxe idealizada dela. A Celia gústalle ter todo baixo control porque cre que esa é a única forma de asegurarse de que as cousas saian ben. As circunstancias da vida converteron a Celia en nai solteira de Noa e iso significa que debería estar preparada para calquera imprevisto. Despois da a morte da súa nai, Celia regresa á vila para coidar do seu pai e facerse cargo do pequeno centro de saúde da vila. Dous retos que a obrigarán a dar o mellor de si mesma.

Isidro Eiroa (César Cambeiro)

Isidro Eiroa é un home afable, conformista e con tendencia a deixarse levar polas circunstancias. Pero desta vez parece que os acontecemento o superan. Olga, a súa esposa, está morta e a súa infidelidade é de dominio público. Aínda por riba, a súa filla Celia regresa a casa para dicirlle como ten que vivir, cando é evidente que non sabe coidar nin da súa propia filla. Isidro está desencantado porque, ademais da humillación pública, o negocio ao que lle adicou os mellores anos da súa vida, a Marisquería Eiroa, está nunha situación económica delicada. É como se todos os seus esforzos non valesen de nada.

Familia López de Castro: 

Gaspar López (Manuel San Martín)

Arrogante, ambicioso e conquistador, Gaspar é un encantador de serpes. Desde moi novo descubriu que o seu carácter podía abrirlle moitas portas e que non tiña por que conformarse coa vida que lle tocaba por berce. Pese a pertencer a unha familia humilde de pescadores, el non quería pasar a vida no mar só para ir tirando. Sabía que podía chegar moito máis lonxe. Só tiña que atopar o modo de conseguilo.

Adela de Castro (Mayka Braña)

Algúns poden pensar que para Adela as cousas foron moi sinxelas. Como filla única dunha familia con cartos, sempre tivo todo o que quixo. Pero a Adela ninguén lle regalou nada. É unha loitadora e nunca tivo problema en rebaixarse a facer o traballo duro da empresa familiar. Adela encárgase cada mañá de ir á lonxa, distribúe o xénero nas furgonetas e, se a deixasen, transportaría ela mesma parte da mercadoría aos restaurantes da zona. É unha auténtica Celia Rivas do século XXI.

Raúl López de Castro (Fran Nogueira)

O fillo maior de Gaspar e Adela é un home maduro, traballador e sensato. Aínda que aparenta ser un tipo altivo e seguro de si mesmo, o certo é que é todo o contrario. Nunca sabe cal é a decisión correcta e ten demasiado medo aos enfrontamentos. Quere compracer a todo o mundo e, ao final, sempre queda a medio camiño. Casou cunha muller estupenda, pero non é a persoa á que ama. Ten un posto asegurado na empresa familiar, pero non se trata do traballo dos seus soños.

Familia Eiroa

Dimas Eiroa (Alfonso Agra)

Dimas é un home domesticado polos López de Castro. É un quedabén capaz de tragarse os seus principios con tal de evitar o conflito. Leva tantos anos tratando de agradar á xente que se perdeu a si mesmo. A falta de sensibilidade que mostra trala morte da súa filla Uxía e da súa cuñada Olga non fai máis que evidenciar isto. Como é que non sofre? Como pode continuar coa vida coma se nada? Cada quen leva a dor como sabe ou como pode, pero nin a súa esposa nin o seu irmán Isidro van ser capaces de comprendelo.

Teresa López (María Costas)

Nai non hai máis que unha. E menos mal, porque Teresa, a muller de DIMAS e nai de Uxía e Elba, é realmente asfixiante. Na súa casa hai unha lei non escrita que todos cumpren sen dubidar: Teresa sempre ten a razón. A única que se atrevía a levarlle a contraria era Uxía e xa non está. A súa morte foi un auténtico golpe do que non sabe si se poderá repoñer. E é que para Teresa ninguén sofre tanto como ela. Non só vai acaparar a dor senón que, ademais, vai esixir ao seu marido e á súa filla Elbacomo deben levar o loito. Non vai tardar en culpalos por continuar coa súa vida, divertirse ou seguir respirando…

Outros

Santi (Adrián Castiñeiras)

Santi é o enfermeiro do pequeno centro de saúde da vila. É un home soberbio e arrogante, que sempre cre coñecer a resposta para todo e trata aos demais, incluída a nova doutora Celica, con condescendencia. Sen embargo, Santi tamén agocha un lado tenro cos seus pacientes, dos que coñece o nome, a historia familiar e todas as súas doenzas sen ter que consultar ningún historial.