TVG emite este domingo, a partir das 22.45 horas, un novo episodio de «Método criminal», a serie de humor negro de Voz Audiovisual
21 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Este domingo TVG emite, a partir das 22.45 horas un novo episodio de Método criminal, a serie de humor negro de Voz Audiovisual na que María Roja interpreta á personaxe de Sofía.
-Como encaixa unha personaxe como Sofía no universo de «Método criminal»?
-Sofía é un dos personaxes máis dramáticos que podemos atopar na serie e esta circunstancia foi o traballo máis complicado co que me atopei a nivel interpretativo. Na serie as secuencias son absolutamente disparatadas e as ocorrencias das personaxes son unha loucura, pero Sofía ten que responder dunha forma sensata e próxima á realidade. Todo isto combínase cun drama interno moi acentuado desta personaxe, polo que tiven que optar por un traballo o máis realista posible. Toda a loucura que hai ao redor de Sofía penso que é o que fai que personaxe cadre na historia.
-Por se alguén non coñece a Sofía, que pode contar dela?
-A Sofía coñecémola como unha muller que vive baixo a sombra do home ao que ama e nun estado case depresivo. Sofía estaba afogada polas circunstancias e só podía fuxir delas refuxiándose no tanatorio, cun traballo que non lle gustaba e co que trataba de esquecer todo o que acontece ao seu arredor. Pero nos últimos capítulos estamos vendo que o seu contexto estase volvendo máis perigoso. Sofía non está acostumada a isto e vese obrigada a tomar decisións coas que non está moi conforme e que nin Damián é capaz de tomar. Creo que neste momento deuse conta de que é capaz de solucionar problemas cos que antes non estaba familiarizada porque, de repente, o afán de supervivencia, o amor ao seu home e descubrir que é unha persoa moi intelixente, provocaron un cambio en Sofía moi importante e sorpresivo. É moi posible que Sofía se converta nunha muller de acción (ri).
-Como preparou unha personaxe destas características?
-A verdade é que Sofía é unha personaxe moi xugosa na que o principal era entender a sensación de inacción que a ten tan amargada. A Sofía había que traballala desde un punto serio e realista e afondar no seu drama. O drama de Sofía é estar nun mundo que non ten nada que ver con ela e no que non pode desenvolver o único soño que ten: ter unha familia. Ela sente que está completamente soa. Esta situación, que é na que se atopaba nos primeiros episodios producía un pouco de pena, pero é certo que grazas a isto daba pé a unhas situacións que eran verdadeiramente cómicas e divertidas de interpretar (ri).
-Ata onde vai chegar Sofía en «Método criminal»?
-A Sofía do primeiro episodio vai ter pouco que ver coa Sofía que atopemos nos últimos capítulos. Xa fomos espectadores do seu cambio nunha parte máis estética, sobre todo na forma de coidarse e de vestir. A partir de agora é moi posible que o seu fondo se manteña, pero as formas van ser moi diferentes. A Sofía séntalle moi ben a responsabilidade. De repente descubriu que é unha muller válida para calquera cousa e na que poden depositar confianza. Esta circunstancia vai facer que Sofía sexa máis experta, activa, decidida e preparada para a acción.
-Cal vai ser o seu punto de inflexión?
-Xa vimos en Método criminal que Sofía é capaz de chegar a calquera cousa por defender o que quere pero tamén creo que, polo de agora, non sabe ata onde está disposta a chegar para seguir con vida. É certo que agora tropezou cunha persoa, que é Rosario, á cal detesta e repudia a forma de vida que leva, pero é certo que estas mulleres chegarán a entenderse, o que vai afectar moito a Sofía. Rosario é unha muller que ostenta poder e personalidade e fíxase en Sofía para destacar certas cualidades dela. Tamén creo que lle servirá de mestra na forma de sobrevivir nun mundo tan hostil. Entón, non podo dicir se Sofía verase tentada polo lado escuro que nos presenta Método criminal, pero podo dicir que vai ser capaz de asumir certos riscos para seguir con vida.
-Que atoparán os seguidores no episodio deste domingo noite?
-Poderemos ver a esperada conxunción entre o mundo da produtora e o mundo do tanatorio. Á personaxe de Rosario vaille gustar a proposición de Damián de usar a serie sobre os irmandiños para facer os seus negocios e a partir dese momento haberá moitos intereses en xogo (ri).
-Ademais dos domingos na serie, tamén podemos seguila sobre as táboas...
-Pois a verdade é que si. Neste momento estou preparando un proxecto con Alba Blanco que se chama Rastrexo en 570 pasos, que é unha peza de perfomance que imos estrear en maio no Festival Escenas do Cambio de Santiago; e tamén estou facendo as primeiras funcións de Soga e cinsa, con Aporía Escénica. Agardamos que a situación sanitaria mellore para poder xirar o espectáculo por máis vilas.