O final de curso nun vídeo

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

SOCIEDAD

Cedido

A Asociación Ourensá de Folclore Tradicional remata o curso en Youtube

23 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xuño é o mes no que comeza o verán pero tamén no que remata o curso académico, por iso é normal que non paren de sucederse as actuacións nas escolas e centros educativos. O covid-19 provocou que este ano sexa distinto para todas elas e no caso da Asociación Ourensá de Folclore Tradicional non quixeron perder a emoción dese concerto de final de curso que organizan cada ano cos seus alumnos. «Decidimos gravar unha peza composta por nós, Lumieira, e pórlle letras tradicionais de distintos puntos da provincia», conta Gonzalo Abelairas, presidente da agrupación ourensá. Mandaron a pista a todos os seus alumnos para que puideran pola como base. O resultado é un vídeo orixinal e diferente que contou coa participación de setenta deles. «Agora mesmo damos clase a unhas 110 persoas. Houbo xente que se entusiasmou e outros aos que tivemos que axudar porque non se apañaban coas novas tecnoloxías», di Gonzalo. «Tivo unha acollida moi boa», engade. Participaron alumnos de Laza, Allariz e Ourense, pero tamén contaron cun exalumno de Vigo. «E unha rapaza gravouse dende Sídney», apunta. A asociación cambiou este ano o Liceo por Youtube cun pouco de mágoa, aínda que a iniciativa está convencendo positivamente a quen a visita.