O Arde Lucus desde as ventás

Laura López LA VOZ / LUGO

SOCIEDAD

CEDIDA

O Concello convoca un concurso de decoración de fachadas

04 jun 2020 . Actualizado a las 12:17 h.

A área de Xuventude do Concello de Lugo convocou un concurso de decoración e embelecemento de balcóns, ventás e fachadas sobre o Arde Lvcvs, co que pretende «pór en valor ditos compoñentes como elementos vivos e decorativos, ademais de dinamizar a participación activa da veciñanza, coa finalidade de contribuír a manter o espírito nas rúas ao longo das datas nas que se celebraría o Arde Lucvs e á mellora da estética da cidade». Poderán participar os veciños de toda a cidade, mesmo comunidades veciñais, agás comercios, hostalería e edificios públicos.

As decoracións, romanas ou castrexas, deberán estar visibles dende a vía pública, e os balcóns, ventás e fachadas terán que ser exhibidos do 18 ao 28 de xuño. Non se poderá realizar voo de vías públicas nin ocupación de rúas ou beirarrúas. O xurado valorará a superficie decorada, a dificultade, a orixinalidade, a variedade, a colocación de elementos accesorios, o uso de materiais de refugallo ou eco-sostibles e o enxeño ou capacidade para acadar unha decoración óptima en vivendas que carezan de balcóns.

O prazo para solicitar a participación neste certame será ata o día 12 en xuventude@lugo.gal, de balde. Haberá tres premios para vivendas (1.000, 500 e 300 euros) e un de 600 euros para as comunidades.