Estar cun mesmo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

SOCIEDAD

Non sei vostedes, pero eu vou algo farto de que haxa xente que pense que isto do confinamento é unha situación ideal para parir informes, novelas longas como un día sen pan ou novas teorías da física cuántica. Porque non o é. Unha cousa é a reclusión voluntaria e outra a forzosa ou inevitable. Non é que queiras marchar do mundo, é que tes que marchar, e iso cambia todo.

E como a túa atención segue fóra, e como fóra hai números preocupantes, é difícil que a túa cabeza se ille. Ofrécese de todo para que te entreteñas, pero a miña sensación é que só goza toda esta fervenza de contido dixital gratuíto aquel que xa o faría antes do confinamento.

Todo isto cambia con moita rapidez. Pasamos da estupefacción e do humor nervioso dos primeiros días á proba de forza desta semana e as vindeiras. Veremos en toda a súa dimensión a diversidade psicolóxica do ser humano: comportamentos depresivos, irascibles, resistentes, cínicos, construtivos, melancólicos. Haberá xente que perderá moito estado físico pero, ollo, outros van saír coma touros deste confinamento, cun peso ideal e con mellor forma da que entraron.

Quen o vai pasar mal? Sen dúbida aqueles que basean o seu tempo libre só en andar nos bares e ver a televisión, en todo aquelo que significa non estar consigo mesmo. No confinamento veremos quen é capaz de saber comprenderse e xestionarse sen botar man de decorados. No fondo, de levarse razoablemente non só cos demais, senón cun mesmo, que non é doado. Para iso ningún nacemos aprendidos.