«A cestería é a imaxe do que somos»

SOCIEDAD

Creou coas súas mans o paraíso no que vive no Val (Lobeira). Rematou sendo cesteiro, coma seu pai, e ten unha colección de museo que agarda ver exposta algún día nunha institución ou espazo público

03 jul 2019 . Actualizado a las 18:05 h.

Estaba de ser. Toño González ía rematar sendo cesteiro, coma seu pai, mais nunca tivo certeza de tal cousa. Na casa de Medeiros (Monterrei) quedaron as ferramentas e unha morea de cestos sen acabar. O pai finou cando el tiña 7 anos, e o oficio non era máis que ese recordo deitado no fondo da memoria.

O rapaz da chaira dominada pola fortaleza do outeiro que preside as terras da raia pola zona de Verín era de auga. E alá se foi á Coruña a estudar Náutica. Mais tampouco era o que o chamaba, e rematou xa pasados os vinte anos volvendo á natureza e á vida no rural. Foi «labrego e cabreiro» e participou en varios proxectos alternativos por diferentes espazos da provincia. En Lobeira atopou o seu mundo -van alá 35 anos- e sen reparar niso, como algo natural e para dar resposta ás necesidades do día a día, foise interesando pola cestería e pola herdanza familiar. E niso segue. «Busquei -e sigo facéndoo- na procura de referencias tradicionais. Empecei a coñecer o oficio cun artesán de Laza, e logo cun cesteiro portugués que vivía en Grou (Lobios) xa fun aprendendo a fender e tratar a madeira». E por aí seguiu camiñando: acababa o século cando comezou a ir de feiras, e no curso 1999-2000 deu clases nunha escola en Vigo. «Daquela foi cando empecei a cestear tamén o vimbio e o colmo. Aínda que do que máis gusto, e no que son especialista, é da madeira fendida e a cestería de costelas. O vimbio ou o colmo non requiren unha habilidade especial ou un traballo singular, como si esixe a madeira fendida».

Toño González non é un cesteiro corrente. Non traballou para comercializar ou vender nas feiras, o seu foi sempre a demostración e a formación: exerceu como mestre dando cursos e participou en moreas de feiras traballando en vivo para espallar o oficio e a cestería tradicional. «O meu é o estudo e a transmisión deste oficio cultural. Estiven durante anos en Allariz e Vigo impartindo cursos e mesmo sigo transmitindo o oficio. A cestería é a imaxe e o resumo do que fomos e do que somos, e así foron desaparecendo moitos dos cestos porque na sociedade actual xa non teñen uso. E, ao mesmo tempo, é divertida e emprégase en terapia ocupacional e rehabilitadora».

Unha das súas teimas é a de recuperar a cestería tradicional. «De Aveiro e Porto a Asturias, pasando por toda Galicia, teño feito as pezas de case toda a cestería. Recuperei ferramentas, gravei a cesteiros vellos e elaborei cestos. Dos culeiros do Ribeiro ás patelas de Vigo ou aos cestos tradicionais de Melide, A Limia, Os Ancares, Viveiro, o Couto Mixto... Temos a maior riqueza en cestería de Europa, e non lle prestamos atención. Mesmo os cabaceiros dos pobres, como o que teño eu aquí no Val, nesta serra de Lobeira». Aínda que segue cesteando, Toño González está xubilado. Cando anda por aí de gaiteiro, a un e outro lado da raia, o pasado vaille ao encontro: «Ás veces achégase algunha moza ou algún mozo, altos e xa feitos e dereitos, e dinme: “Vostede non se lembra de min, pero eu fixen un lapiseiro con vostede en tal feira”. A de milleiros deles que fixemos!».