«Serramoura» chega ao episodio 150

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

x

A serie de TVG suma 175 horas de emisión, con preto de 12.750 secuencias gravadas e a participación de de 400 actores

14 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta noite, a partir das 22.00 horas, Televisión de Galicia emite o capítulo número 150 do thriller máis visto dos domingos. Os seguidores de Serramoura están de parabéns, pois hoxe a serie chega a este número redondo e faino cun episodio no que un novo caso manterá en vilo ao cuartel da Garda Civil da vila, partindo de todos os ingredientes que forman parte do ADN de Serramoura: intriga, acción e moito monte.

Desde Voz Audiovisual, produtora da serie, destacan algunhas cifras do que supuxo a produción de Serramoura ata o de agora: 175 horas de emisión, con preto de 12.750 secuencias gravadas e que contaron coa participación de 400 actores e actrices na gravación dalgún dos episodios. Pero se hai unha cifra que abraia é a de vítimas que se cobraron as tramas da serie.

Despois dun reconto, son máis de 60 as mortes que afectaron, en maior ou menor medida, a todos os personaxes de Serramoura. Entre as máis impactantes destacan a da tenente Dolores Rivas, que interpretaba a actriz Susana Sampedro, e que causou un fondo pesar entre os espectadores da serie; a da personaxe de Álex, encarnado pola actriz Sheyla Fariña; ou a propia morte da sarxento Marga Neira, que, aínda que formaba parte dun plan para acabar cos seus inimigos, causou un grande impacto entre os espectadores de Serramoura ata que, episodios máis tarde, o personaxe «reviviu» e regresou á serie.

Localizacións exteriores

Desde a primeira temporada as localizacións exteriores de Serramoura convertéronse nas protagonistas de excepción da serie. Un 40 % das secuencias grávanse no exterior, o que require un grande esforzo do equipo técnico e artístico.

Alpendres, bosques, igrexas, cemiterios, naves industrias ou hospitais forman parte da paisaxe habitual da serie. Os espectadores acostumáronse a que as tramas deste thriller teñan lugar en localizacións tan rechamantes como o monte Xalo, as fragas do Eume, a Pedra Mazafacha, o mosteiro de Santa Catalina ou o Hospital Novoa Santos, e ás que nos vindeiros episodios se sumarán outras coma o pazo do Faramello.

Os «serramourers», punto forte

En outubro do 2014 chegaba á Televisión de Galicia unha serie que revolucionou as redes sociais en Galicia. Desde o primeiro episodio, Serramoura fíxose un oco entre a audiencia galega e ao redor xurdiu un grupo de fans moi particular: os serramourers, fieis espectadores que converteron a súa serie favorita en trending topic e que o darían todo por pisar a vila de ficción máis coñecida da TVG (co permiso de Portozás, Santo Antonio de Louredo, Sardiñeira ou Santalla).

O que está claro é que, 150 episodios despois, aínda queda moita Serramoura.