Ourense remexe o seu entroido

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

SOCIEDAD

Los felos madrugan en Maceda
Los felos madrugan en Maceda

Viana do Bolo e Vilariño de Conso acolleron a Mascarada Ibérica, os folións de Laza percorreron esta madrugada a serra de San Mamede e Xinzo abre co petardazo

09 feb 2019 . Actualizado a las 15:41 h.

Non se viu esta noite un só lobo pola serra de San Mamede. Nin a ouvear se atreveron. Quedaron todos no tobo, porque os donos da serra eran os folións do entroido de Laza. Aínda que as citas cos peliqueiros, as formigas, a Morena ou a farrapada son nos días centrais do entroido, en Laza xa se escoitan as chocas polas corredoiras e polo monte pasado o Nadal. Os mozos saen para afacerse ao peso que deberán cargar, e facer soar, nos días da festa. O mesmo acontece da outra beira da serra de San Mamede, onde os felos de Maceda xa probaron os «instrumentos» o 12 de xaneiro.

O entroido vai enchendo a provincia de Ourense aos poucos e a capital da Limia, que se gaba de ter o calendario máis longo da festa -un mes, ao que lle engaden o Domingo de Piñata-, abre o programa co petardazo.

Xuntanza

Máscaras da Península. Os entroidos máis singulares da provincia forman parte da Mascarada Ibérica, e a xuntanza da mesma celebrouse os días 26 e 27 de xaneiro en Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Os boteiros destes dous concellos exerceron de anfitrións dos corenta e dous entroidos da Península que se deron cita no encontro.

Xinzo

Petardazo e domingo fareleiro. A capital da Limia é entroido. Na fachada da Casa da Cultura hai un reloxo que vai contando, durante todo o ano, os días, horas, minutos e segundos que faltan para a seguinte edición da festa. E alí mesmo, na praza Carlos Casares celebran o petardazo, que abre a festa con música, charangas e moita animación. O domingo será a primeira das citas fortes, coa celebración do fareleiro.

Triángulo máxico

Hai que vivilo. Laza, Verín e Xinzo son os tres puntos que debuxan o triángulo máxico do entroido. O primeiro é o máis ancestral e enxebre. Peliqueiros, cigarróns e pantallas son as referencias máis coñecidas da festa.

Identidade

Por toda a provincia. Ourense foi recuperando, ou potenciando, moitas das tradicións do entroido e a festa ofrece un mundo de opcións. Os felos de Maceda, as bonitas de Sande (Cartelle), o rei do Covelo (Melón), as mázcaras (Manzaneda) ou os troteiros (Bande) son parte da oferta.