«Tiña moitas ganas de estar en Serramoura»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

-

Ledicia Sola interpreta «unha personaxe moi luminosa e que trata de buscar solucións aos seus problemas»

23 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois do seu paso pola serie Vivir sin permiso, a actriz Ledicia Sola está moi ilusionada coa chegada da súa nova personaxe á vila de Serramoura.

-Había ganas de estar en «Serramoura»?

-A verdade é que si. Eu son seguidora da serie e tiña moitas ganas de estar en Serramoura e de poder facelo cunha personaxe á que puidese espremer.

-Que atoparán os espectadores no episodio de hoxe?

-Os espectadores van coñecer mellor a Daniel e a Aurora e tamén van ver como vai crecendo a boa sintonía que teñen Evaristo e Aurora desde o principio [ri].

-A súa incorporación como Aurora é un dos pratos fortes destes episodios. Que pode contar dela?

-A Serramoura chegou un matrimonio en busca de traballo formado por Daniel (Xoel Fernández) e o meu personaxe de Aurora, que teñen algúns conflitos que iremos coñecendo. O que podo dicir de Aurora é que, a pesar das dificultades que padece, é unha personaxe moi luminosa e que trata de buscar solucións aos problemas que ten.

-Sabemos que todos os personaxes de «Serramoura» teñen algo que agochar. Tamén é así no caso de Aurora?

-Por suposto! Aurora é unha personaxe da que imos ir vendo unha cara, pero despois veremos que ten outra. Do seu pasado non descubriremos moito, pero si que lle pasarán moitas cousas, como sempre acontece en Serramoura.

-E dun éxito como «Serramoura» a nivel autonómico pasamos a outro a nivel nacional. Como viviu a primeira temporada de «Vivir sin permiso»?

-Pareceume un luxo participar nunha serie que se grava en Galicia e se emite a nivel nacional, porque se mesturan dúas cousas fantásticas, que son traballar na casa e que a repercusión do traballo é maior. E despois sumouse o éxito de audiencia. É esa situación soñada na que todos queremos participar en proxectos que triunfen, vaian ben e gusten á xente.

-Que diferenzas e semellanzas hai entre Aurora e Elisa?

-Aurora e Elisa non se parecen en nada, son todo diferenzas. Aurora é unha muller que ten estudos pero apenas traballou, porque casou con Daniel. Ese é un dos seus conflitos, porque depende del para todo. Tamén é menos ambiciosa e interesada ca Elisa, e, aínda que ten un lado escuro, é máis traumático, polo que non se parecen. Estou moi contenta con Aurora, porque é unha personaxe cun perfil que normalmente non me dan, en Serramoura vou facer unha cousa moi distinta.