As matemáticas tamén están no pórtico

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

SANDRA ALONSO

O catedrático Luis Puig explicou a alumnos de bacharelato a simetría desta obra

21 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Que relación ten o mestre Mateo coa ciencia? Moita. A arte tamén segue regras, como son a proporción ou a simetría. Este ano o Mes da Ciencia en Galego dedícase a un dos máis grandes matemáticos e físicos europeos de todos os tempos, Arquímedes; e a outro universal, pero neste caso tamén galego, o mestre Mateo. Falar del é falar do pórtico da Gloria da catedral de Santiago, e onte os rapaces do instituto IES Sofía Casanova de Ferrol puideron comprobar in situ esta estreita relación.

Luis Puig Mosquera, catedrático deste centro, explicoulles aos alumnos a simbiose entre as matemáticas e a obra cumio do mestre Mateo no acto institucional que celebrou o Mes da Ciencia. «O esqueleto está feito de liñas verticais, horizontais e arcos». O arco central, apuntou Puig, non deixa de ser unha semicircunferencia, que o mestre escolleu para dar cabida ao maior número de figuras. Ese semicírculo é o que máis área abrangue, e, para contextualizar este relato, o catedrático de matemáticas aludiu á Eneida, o libro de Virxilio, onde Dido resolveu un problema isoperimétrico, atopar a curva simple que abarca máis área.

O Pórtico non só ten xeometría, senón tamén simetría. Neste caso bilateral, como a que ten a figura humana, e tamén radial, como a das estrelas de mar. Puig Mosquera falou tamén das proporcións, presentes en case toda obra de arte, aínda que calquera que vexa as diferentes figuras da obra da catedral verá que neste caso non se manteñen, porque o mestre Mateo tiña que axeitarse a un espazo acoutado.

Foi unha charla pequena, condicionada polas limitacións de tempo e espazo do pórtico, pero na que os rapaces aprenderon que os teoremas e os descubrimentos científicos están na vida e na arte, e que ademais, ao contrario do que pensaba Carlos V, a ciencia non ten idiomas, e a ciencia en galego está moi vixente.

«Nunha figura únese a cultura científica e a humanística»

A este acto do Mes da Ciencia en Galego, ademais dos rapaces de segundo de bacharelato e o catedrático do IES Sofía Casanova asistiron, entre outros, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o deán da Catedral, Segundo Pérez; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o presidente da Institución Galega de Ciencia, Manuel Díaz, que se declarou «antiunamunista», xa que o escritor dicía «que inventen eles». E engadiu: «nin nos mellores soños pensei que un acto de ciencia en galego se fixera aquí no pórtico».

O conselleiro considerou un acerto escoller ao mestre Mateo este ano como figura a destacar, porque o pórtico «une nunha soa figura as culturas humanística e científica», e permite poñer como exemplo desa conxunción «unha obra galega que asombra o mundo», dixo. O deán animou aos máis novos a ser embaixadores do Camiño e do pórtico e pediu que esta sexa a primeira de moitas iniciativas.