Bieito Ledo: «Eu xa estou na tardiña»

SOCIEDAD

Pinto&Chinto

Falamos co editor, que está a piques de sacar novo libro, sobre literatura, a nosa lingua e algunhas cousas máis...

16 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Bieito Ledo (Padroso, Xunqueira de Ambía, 1944) é o compañeiro co que comerías todos os días, se puideses, e non deixarías de coñecer historias novas aínda que mantiveses o costume durante un ano. Ou dous. Cada parrafeada remata sempre cunha risada profunda. Así dá gusto. Por certo, está a punto de sacar un libro cheo desas historias; así que, atentos.

-Ten un nome e un apelido luminosos.

-Si. Teño un amigo que me chama Benito Alegre. E outro, Benedictus Laectus.

-É vostede ourensán, como case todos os de Vigo.

-De Padroso, que foi a miña primeira universidade. Alí pasei os doce primeiros anos da miña vida e alí aprendín a falar, a escribir; onde gravei os sons, os olores, os sabores. Daquela eramos sesenta habitantes, agora creo que hai oito. Eu acudo con frecuencia.

-E despois...

-Despois tiven outra segunda universidade, tamén de doce anos, no seminario de Ourense, onde coñecín o meu grande amigo Antón Pulido.

-E ordenouse?

-Si. Fun crego e misei tres meses en Santa Comba de Bande. Logo marchei dous anos a Vilardevós. Alí sacámoslle o medo á xente. Diciámoslles que o ceo e o inferno, de existiren, existían dentro dun. O que fai agora o papa Francisco é o que faciamos nós naquela época. Falo do ano 1970.

-E por que deixou o sacerdocio?

-Por disensión con monseñor Temiño. Marchamos cinco para Valencia. Tres puxéronse a traballar de varredores pola noite, outro de mozo de carga e eu era o empregado de fogar. O que máis me gustaba era lavar os calcetíns. Lembro que saiamos os cinco e socializabamos ás laranxas, ha, ha. Non debía ser pecado roubar para comer.

-Tempo despois fíxose libreiro.

-Si. Pensei se plantar a libraría en Santiago ou en Vigo. Daquela só había universidade en Santiago, así que seguro que ía ter máis éxito alí. Pero puido máis a ría que a catedral.

-E xa vigués.

-Si. Afilieime ao Círculo Ourensán Vigués, que chegou a ser a sociedade máis dinámica de Vigo. E logo creamos os premios da crítica, que xa levan 41 anos.

-Coñeceu vostede a toda a intelectualidade da época. Quen o impresionou máis?

-Filgueira Valverde, don Ramón Piñeiro e Álvaro Cunqueiro. Os dous últimos anos, nos que eu era director de Galaxia, mantiñámoslle o apartado de correos. El estaba pensando en escribir outra novela e eu ía todas as semanas e preguntáballe: «don Álvaro, como vai esa novela?».

-Vostede está a piques de sacar ao mercado un libro.

-Eu editei un libro de relatos curtos no 2006 que se chama Aconteceres. E agora estou imprimindo outro que se chama Cavilacións, e son 55 relatos breves, gran parte deles localizados na miña terra matria, e a outra parte en Vigo. Fíxome un prólogo o profesor Alonso Montero, e Antón Pulido a portada. Dalgunha maneira é a continuación do libro anterior. Tratei de expresar as miñas vivencias e aparecen dende Cunqueiro a García-Sabell, Laxeiro, Ben-Cho-Shey, Sixto Seco...

-Que hai que facer para revitalizar o galego?

-Eu penso que a última lei de normalización foi un erro. En canto o galego non sexa a lingua vehicular nos primeiros anos da educación vai ser imposible frear o abandono da xente nova.

-Defina Galicia.

-É un territorio por soñar e por facer en moitos aspectos.

-Agora defínase vostede.

-Son un humanista, idealista e utópico.

-Que tal cociña?

-Cociño algo. Cocidos, guisos...

-Divírtese máis cociñando ou comendo?

-Máis divertido é comer. Para min, xantar non é engulir, senón unha especie de cerimonia onde se come e se bebe lentamente humanizando todo con palabras. Eu tiven a satisfacción de comer con persoeiros como Cunqueiro, Del Riego, Carlos Casares... Comer con eles era un pracer.

-Celta ou Dépor?

-Celta. Os de Ourense somos todos do Celta. Pero quero que o Dépor suba.

-Ten Facebook e esas cousas?

-Teño, pero úsoo pouco. Rouba moito tempo e achega pouco. Non me gusta.

-De que se arrepinte?

-Globalmente, de nada. Teño a satisfacción de ter queimado a vida e xa estou na tardiña. Bastante satisfeito do meu proxecto vital. Síntome socialmente querido e penso que tamén correspondo. Agora teño unha netiña, que é miña felicidade. A vida está apoiada en catro piares: a familia, os amigos, a profesión e a proxección social.

-Que tal dorme?

-Durmo moito e profundamente.

-Unha canción.

-Floreceu un caravel, con música de Antonio Luis Pulido, letra de Modesto Hermida e cantada por Antón Pulido.

-Que é o máis importante na vida?

-Querer e que te queiran.