Xosé Ramón Gayoso: «Son moi teimudo»

SOCIEDAD

Pinto & Chinto

O presentador do «Luar» na TVG semella o colega que todos quixeramos ter

26 ene 2018 . Actualizado a las 08:32 h.

Non ten obxecto describir a sensación que produce compartir unha longa conversa con Xosé Ramón Gayoso (A Coruña, 1956). É xustamente iso que está pensando. Esa voz, ese sorriso, esa soltura... todo igual que na televisión. Se cadra, na distancia curta, sorprenden uns ollos moi azuis e moi vivos. Gayoso semella o colega que todos quixeramos ter.

-Buscando na súa biografía atopeime con que foi campión de España de lanzamento de martelo.

-Si, en categoría xuvenil. Cando estudaba na Academia Galicia fixeron un equipo de atletismo e elixían á xente pola súa constitución. A min, que era gordechiño, puxéronme no lanzamento de peso, e logo pasei ao martelo. Eu suplía as miñas carencias físicas machucando a técnica, porque son moi teimudo. Un pouco en todo. E tamén era un tipo moi rápido. Cheguei a ter unha marca de 6,3 segundos nos cincuenta metros, que é unha marca moi boa.

-E despois fíxose avogado.

-Aos 17 anos tiven que elixir. Pensei en facer INEF, pero meu pai dixo que nada de lanzamentos e fixen Dereito en Santiago. E ata cheguei a exercer nun despacho madrileño.

-E como entrou na televisión?

-Pos foi totalmente casual. Eu volvín a Galicia e facía oposicións. Lémbrome dunhas a inspector de traballo e de acabar o exame e comentalo con outros opositores. O caso é que cando comezou a televisión fun deixar un currículo e dixéronme que xa o tiñan todo cuberto, que só lles facían falta presentadores. E eu contesteilles: «E iso como é?», ha, ha. Dixéronme que fose a un casting e que a cámara diría. E ata hoxe.

-E deixou as oposicións.

-Si. Un ano despois, acercouse un daqueles que remataran o exame a inspector de traballo comigo a saudarme, porque me vía pola tele. Sabe quen era? Feijoo.

-Cando comezou co «Luar», pensou que duraría tanto?

-Nunca. Lembro que despois de acabar a primeira temporada, Rodil Lombardía, que era o director da televisión, preguntoume: «Terá Luar outro ano de vida?». E Manolo Abad, que é o que dirixe o programa, e mais eu dixémoslle: «Home, creo que un ano máis, si», ha, ha. E xa estamos na temporada 26.

-Un caso único.

-Si. Hai un programa moi lonxevo tamén: Saber y ganar. Pero leva cinco anos menos ca nós, ha, ha.

-E en directo.

-E en prime time. O directo fai que sexa máis fresco, pero eu non entendo un programa de variedades que non sexa en directo. De non ser así, non teriamos matado ao Fary.

-...?

-Si, home. Iso foi nun programa cando o Fary xa estaba moi enfermo. Pasáronnos a noticia de que morrera e démola, pero non era certo. Foi unha zocada de carallo.

-Tamén lle deron algunha reviravolta con esas chamadas que fai á audiencia.

-É que somos moi falcatrueiros e facémolas a horas intempestivas. Pero foron poucas veces para as chamadas que levamos feito. A xente é dunha educación absoluta.

-A quen non puido levar ao programa?

-A Lola Flores. Non nos deu tempo. Julio Iglesias aínda é unha posibilidade. Con todos tivemos unha relación moi cordial.

-Ten tamén vostede a medalla Castelao...

-Si, aínda que esas cousas danme un pouco de medo porque cando vexo a listaxe da xente que ten esa medalla penso: «Non sei que fago eu aquí».

-Cantas fotos lle pide a xente?

-Buah! Fotos, vídeos, de todo. Eu son sociable por natureza e encántame o contacto co público. E dende pequeno, que xa recitaba na parroquia. Logo toquei nunha rondalla, e recordo como me gustaba estar no escenario.

-Xa ten 61, pensa en xubilarse?

-Que va, que va. A verdade é que son moi feliz facendo o que fago.

-Como lle chama a súa muller?

-Bolacho. Púxomo un profesor de matemáticas que me quería moito.

-E que tal na cociña?

-Eu son un gran comedor. Como absolutamente de todo, pero non cociño.

-Nin unha tortilla?

-Si, home. Sei cociñar. Pero fágoo pouco. Algún biscoito, que meus avós tiñan unha pastelería.

-Que lle gusta facer?

-Deporte. Vou ao ximnasio. E ler. Cheguei un pouco tarde ao mundo da lectura, pero se non leo ao menos dez minutos ao día, fáltame algo.

-Fágame unha recomendación.

-Calquera de Stefan Zweig. El mundo de ayer, por exemplo.

-Cal é a canción que vai incluír na «playlist» desta páxina?

-Pois una de Gilbert Becaud, que gocei moito cantando: L’important c’est la rose. Ademais estivo no Luar e tiven a sorte de poder cantala con el.

-Que é o máis importante na vida?

-O amor, no sentido máis absoluto da palabra. Ao fin, vimos a este mundo a querer e a que nos queiran. O amor é a forza que move o mundo.