Guadi Galego: «Son moi imperfecta»

Poucos escenarios tan pracenteiros como o que elixe a cantante e mestra para a entrevista: o patio dun hotel de Santiago nunha soleada tarde preoutonal


Poucos escenarios tan pracenteiros como o que elixe Guadi Galego (Cedeira, 1974) para a entrevista: o patio interior dun hotel de Santiago nunha soleada tarde preoutonal onde aínda cheira á choiva caída pouco antes. Alí, baixo unha maceira, coma se fósemos Newton, falamos de cousas moi serias, aínda que non todas podan entrar na transcrición da charla.

-Houbo un momento en que semellaba que todos os músicos se laiaban moito. Como diría que está a música en galego? Nun bo momento?

-Eu cantei toda a miña vida en galego. Concibo cantar noutras linguas, pero non compoñer os meus temas noutras linguas. Eu penso que estamos nun punto de supervivencia que pasa por moito traballo, moita constancia... pero penso que se non fixera música en galego iríame peor. Eu fago música de autor orientada a sons máis pop. Se o fixera en castelán ou en inglés, sería unha máis. Como o fago na miña lingua pois... son Guadi Galego.

-Como era de pequena? Moi rebelde?

-Rebelde fun de máis adolescente, pero nada fóra do normal.

-E a música, vénlle de familia?

-Si, veño dunha familia de afeccionados. E quedoume ese punto. A profesionalidade veume un pouco dada, pero o espírito é de afeccionada.

-Ten outra profesión.

-Si. Son mestre en Educación Musical.

-Unha materia maltratada.

-Si, porque xera seres creativos e iso non é bo. A música é sinónimo de liberdade, de ensoñación, creatividade e todo iso que cada vez cuestionamos máis. Parece que só queremos seres científicos, que produzan e nunca se pensa que a música poida axudar a todo iso.

-Vive en Santiago, viviu na comarca da Arousa... De verdade é de Cedeira?

-Siii! Son norteña. Norteña de militancia.

-De non adicarse á música, cal sería o seu oficio?

-Antes dicía que panadeira, pero creo que é moi duro. Non o sei, calquera cousa que me puxera en contacto coa xente. Por iso son mestra.

-Que é o máis bonito que lle pasou coa música?

-Seguramente poder facer os meus temas e que a xente os cante; chegar ás emocións da xente, cando che veñen contando que escoitando os teus discos ou nos teus concertos criaron os seus fillos, namoraron, estudaron... iso é moi forte. Sempre me impacta moito ver a certa xente, cando canto, chorando. E non é porque a canción en si os emocione tanto, senón porque lles recorda certos momentos das súas vivencias.

-Que opina do fenómeno reguetón?

-Socialmente paréceme tremendo, machista, preocupante e todas esas cousas que todos temos bastante claro. Pero ao final creo que as cousas teñen que caer polo seu propio peso.

-Como lle explicaría Galicia a alguén que non a coñecera de nada?

-Pois diríalle que é un lugar onde hai queixo do país, viño do país, pero que aínda é un país sen normalizar.

-Como solucionaría, por exemplo, a cuestión do idioma, a caída no seu uso?

-Cunha inmersión brutal, pero este país non está preparado para facela.

-Defínase en catro ideas.

-Son empática, social, penso que simpática e moi amiga dos meus amigos.

-Cando ten tempo, en que lle gusta gastalo?

-Non teño moito, pero gústame viaxar e a música, que tamén é a miña grande afección. E as novelas, novelas longas.

-Recoméndeme unha.

-Os fillos do lume, de Pedro Feijoo.

-Que tal na cociña?

-Regular. Sobrevivo. Gústame máis comer que cociñar. Infinitamente.

-E o fútbol?

-Son antifútbol. Esa é unha das cousas que teño claras na miña vida.

-Dígame algo que deteste.

-O machismo.

-Cal é para vostede un día perfecto?

-Calquera día sen obrigas. Eu podo durmir dez horas.

-E agora, un verso.

-Galicia somos nos/ a xente máis a fala/ se sentes a Galicia/ en ti tes que atopala.

-Que se lle dá ben?

-Pois non sei. Son bastante imperfecta, non hai nada que se me dea moi ben.

-Que se lle dá mal, logo?

-Conducir, os deportes, cociñar, pintar...

-Vale, vale. Elixa unha canción.

-Grândola Vila Morena, de José Afonso.

-Que é o máis importante na vida?

-O amor propio. Non o amor romántico. Os que non teñen amor propio non poden amar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Guadi Galego: «Son moi imperfecta»