La Voz, galardoada polo seu compromiso co dolmen de Dombate

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

SOCIEDAD

O Concello de Cabana de Bergantiños premiou tamén á Deputación e a José María Bello

24 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Un galardón «por ter estado sempre aí», polo compromiso. La Voz de Galicia foi recoñecida onte polo Concello de Cabana de Bergantiños cos primeiros Premios Dolmen de Dombate, que tamén recaeron no arqueólogo José María Bello, director das campañas de escavación feitas, e na Deputación da Coruña, propietaria do monumento dende 1975. O propio megálito, cos seus case 6.000 anos de historia, foi testemuña dun acto conducido por Silvia Losada e iniciado co poema O dolmen de Dombate, de Pondal, na voz do mozo Yago Espasandín.

Xosé Luís Vilela, director de La Voz, recolleu un galardón do que fixo partícipes á redacción carballesa, encabezada polo seu delegado, Xosé Ameixeiras, e á xornalista Cristina Viu, así como a todos aqueles que teñen colaborado «en que hoxe isto estea connosco». O Concello quixo recoñecerlle a La Voz o seu traballo de seguimento, dende as primeiras escavacións no dolmen, hai máis dun cuarto de século, ata as actividades máis recentes. Este medio, dixo Silvia Losada, tenlle dado fala ás institucións interesadas en que o Centro Arqueolóxico de Dombate sexa realidade. Vilela aludiu ao necesario traballo dos responsables políticos para poñer en valor «o que nos distingue e enraíza» e lembrou a preocupación polo futuro do monumento que tivo o xornal dende a súa fundación: «Tanto pasado ten, tanto futuro debe ter». Como reto, posta en valor internacional desta xoia mundial.

«Cousas coma estas xustifican unha vida profesional. Este recoñecemento vén do fondo, da propia terra que fixo o dolmen», dixera previamente José María Bello ao recoller da man do alcalde cabanés, José Muíño, o seu galardón -reproducións do dolmen da escultora Iria Rodríguez-. O arqueólogo afirmou que os traballos no megálito foron «unha cuestión colectiva» e por iso lembrou nomes: mans voluntarias, Manuel Lestón, Luis Jaime, Fernando Cebrián, Fernando Carrera, Ana Romero Masiá, José Manuel Pose Mesura, Ángel Eiroa, Xosé María Varela... «É un acto que levarei no corazón, coma o dolmen», afirmou Bello. Foron anos de traballo a prol da protección e a divulgación de Dombate. Por último, e tamén polo compromiso coa recuperación e conservación desta catedral do megalitismo, así como pola súa posta en valor como recurso de dinamización, foi recoñecida a Deputación. O presidente, Valentín González, dixo representar ás distintas corporacións e citou un «compromiso férreo» co patrimonio: Dombate é «unha bandeira» onde os gastos son inversións (30.200 visitas este 2015). A xornada, na que participaron as nenas Paula Ordóñez, Sandra Lema e Iria Rellán entregando as esculturas, rematou con Antía Ameixeiras ao violín interpretando Mazurca Candela, Xota e Muiñeira de Florencio, o cego dos Vilares.