Vintecinco anos despois, volvemos

Senén Barro Ameneiro CATEDRÁTICO EN LA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

SOCIEDAD

25 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O luns presentouse en Madrid a nova etapa da Fundación para la Innovación COTEC, creada hai 25 anos. En novembro de 1990 COTEC celebrou o seu primeiro acto público en El Escorial, e a el fomos convidados unhas ducias de mozos e mozas ocupados na investigación, nun país que renacía ao mundo da ciencia e a tecnoloxía despois de décadas do «atroz desmoche», en palabras de Laín Entralgo. Estabamos preocupados pola investigación nun país que esquecera a importancia da ciencia para o progreso da sociedade. O noso inconformismo coa situación de entón trasladouse a un manifesto que quería ser desafiante, pero que reléndoo 25 anos despois é dunha inocencia encantadora. En 1990 España investiu en I+D o 0,82 % do seu PIB, unha cifra claramente inferior ao 1,23 % que segundo o INE investiuse en 2014. En todo caso, convén poñer en contexto ambas as cifras. Nun caso partíase do raquítico 0,45 % de 1983, mentres que desde 2008 o investimento en I+D ven caendo ano a ano. É xusto recoñecer que Galicia está entre as poucas comunidades autónomas que en 2014 aumentaron o seu investimento en I+D respecto ao ano precedente. Pero xa postos, tamén o é dicir que en esforzo inversor en I+D fomos perdendo posicións nos últimos anos respecto ao resto de comunidades autónomas.

 Podería seguir con cifras e letras para demostrarlles o insuficiente compromiso político coa I+D no conxunto do Estado, ben é certo que non por igual en todas partes, pero prefiro rematar coa seguinte reflexión: da investigación apenas se fala en política, salvo na proximidade dunhas eleccións e nos programas electorais, e aínda entón parece que o discurso vai dirixido ao investigador e non ao conxunto da cidadanía. Non é xusto vivir na queixa permanente, pero si é xusto e necesario reivindicar un maior compromiso coa investigación de alto impacto científico, tecnolóxico, social, cultural, produtivo, en emprego, en riqueza, en calidade de vida... Fálolles a todos vostedes, non só aos políticos.