De nena, pensaba que a maxia existía. Recordo tardes entre cómics e libros sobre fadas e bruxas, vampiros e trasnos, lendas incríbeis que para min eran tan reais como o bocadillo e o zume da merenda.
Soñaba esperta con ter súper poderes e salvar aos inocentes... mais un día os meus pais contáronme que os personaxes dos debuxos animados non existían.
Tempo despois, que eles mesmos eran os Reis Magos, Papa Noel e o Rato Pérez. Deume moita mágoa, pois estaba segura de ouvir, algunha vez, uns pasos diminutos roubando un incisivo baixo a miña almofada.
Tamén me decatara de que, por moitos conxuros de amor que pronunciase, ao final o neno que me volvía toliña bicara a outra compañeira de clase, a cal eu non soportaba.
Toda a ilusión, que se foi perdendo co tempo, borrouse completamente cando morreu a miña gata, Michi. Naquel intre, comprendín que nada nin ninguén podería traela de volta xunto a min, que as fadas madriñas non existían, e moito menos os anxos da garda. Asusteime moitísimo, pois imaxinei, nun futuro, a persoas moi queridas desaparecendo para sempre, e que as apócemas de patas de araña, ollos de salmón e fociño de porco teixo non servirían para resucitalas.
As bágoas que escorrían polas miñas meixelas o día da morte de Michi non eran só por ela, senón polo terror dun futuro gris, sen milagres nin feiticeiros. Sentíame como un paxaro sen ás, como un peixe arrincado do mar, asfixiándome na dura terra. Por que? Quen me abandonou nunha realidade tan fría sen explicacións? Que sombra se armou cun coitelo invisíbel e perforou o meu cándido corazón, polo que verteu un arco iris de sangue?
A día de hoxe continúo sen resposta para estas preguntas, mais atopei un analxésico, ou tal vez un placebo: a escritura. Coas palabras podo manter en segredo, no recuncho da imaxinación, ese mundo que a vida real me negou. Entretecendo caracteres non só me axudo a min mesma, senón a todos aqueles que os lean e que tamén pensaron, de nenos, que os finais serían sempre felices, e que comerían perdices.
M.ª Carolina González Gil (A Coruña, 18 anos) é estudante de Filoloxía Hispánica.