Hai un artista que se apoleira nunha postura imposible na fachada dun edificio e alí queda, obrigando a modificar a mirada cotiá a través da súa presenza. Ata que chegou a unha vila de Andalucía e unha señora berroulle: «¿Por que protestas?» Ela si que sabía: a protesta comparte coa arte o extraordinario. Na España de hoxe, ¿amosar as tetas é arte, protesta ou extra-ordinariez? ¿É equiparable o xesto aquí a facelo en Túnez?
Cando as Femen protestan así onde o corpo espido xa non escandaliza, é porque queren amosar que hai unha involución social na que ensinar as tetas volve ser desvergoñado. Pois ¿non involucionamos tamén ao votarmos ministros que propoñen leis antiabortistas propias de épocas vergoñantes? ¿Non estaremos empezando a dar sentido aquí, co crecemento dos machistas de pro, ás accións das Femen que tanta graza nos fan nos países musulmáns?