«O corazón da Branca de Neve», de Francisco Castro
31 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.O xefe avanzaba pistola en man, moi estirado o brazo, apuntando ao subinspector Losada que, ao tempo que erguía a man esquerda, pousaba a pistola no chan. Alberto sacudíase para sacarse o cadáver do sicario que lle caera enriba. Detrás do xefe Alonso, catro policías máis corrían. Adiantárono e un deles agarrou pola caluga a Losada ao tempo que o deitaba no chan para esposalo por detrás das costas.
-Levádeo!
Deu a orde e xa erguía ao seu compañeiro despois de lle sacar as esposas.
-Miña nai, Hermida, pensei que non chegaba a tempo.
A el os pensamentos todos amoréanselle na cabeza. Pero vánselle as ganas de falar ao erguerse e decatarse de que si, de que hai algo roto aí dentro. E ao sentir como a culpabilidade, por ter pensado que o seu xefe tamén estaba no allo, lle proe na alma.
Nos días seguintes, a prensa recibiu todas as explicacións dun xefe Alonso que, no seu canto do cisne e despedida da profesión, podía gabarse de pechar unha longa carreira desmantelando unha rede de roubo de nenos no que estaban implicados dende un famoso médico a un subinspector de policía.
O xefe Alonso explicou que nada tería sido posible sen un colaborador do corpo policial, un heroinómano que participara, cando menos, na desaparición de dúas menores había tempo e que, desta volta, arrepentido, non fora quen de deixar morrer á nena marroquí que todos coñecían. Coma no conto da Branca de neve, levouna ao bosque pero non foi quen de rematar con ela. Explicou que fora clave tamén un matrimonio, que foi quen se activou para devolverlle a cativa á nai. Ela foi quen entrou en contacto co home que lla dera e ela foi quen lla devolveu á súa nai e quen convenceu ao colaborador da trama para que se entregase á policía. Ela fora quen convenceu ao home para que dixese onde se vía co policía corrupto e así foi como deron co solar onde a piques estiveron de perder a un dos seus mellores inspectores, un home que, pola súa conta, xa case que tiña resolto o caso.
A lei non foi moi dura con case que ninguén, agás con Losada, a quen lle caeron máis de cen anos de prisión.
Mais a lei soubo compensar o feito de que o Branco, aínda que foi condenado a vinte anos por participar en dous asasinatos doutras dúas rapazas, fora esencial, grazas ao seu arrepentimento, no desmantelamento daquela trama de tráfico de seres humanos. Cando ingresou en prisión tralo xuízo, confesoulle a Hermida que estaba aliviado, saíndo do cabalo, e que aspiraba a poder durmir algún día en paz. O inspector Hermida respondeu, pero o Branco nada entendeu, que el tamén. Alberto e Sonia foron condenados a dous anos de prisión. Mais non chegaron a ingresar. O xuíz valorou o que fixeran, o seu arrepentimento e como dende o primeiro instante se puxeran nas mans da xustiza para que Leila recuperase á súa filla. O xuíz non sabe, por suposto, que foi Sonia quen tirou de verdade deste carro. Tampouco é necesario que o saiba.
O inspector Hermida xubilouse ao ano seguinte. Case que ao tempo que o xefe Alonso. Nos meses seguintes non falaron moito do que pasara. Os dous sabían que obraran como cumpría facer. E que hoxe o mundo era un lugar mellor.
Leila pasea con Eva, ese era o nome que lle puxera Alberto e que Sonia por fin xa pronuncia, pola Alameda da cidade. A pequena vai aprendendo que eses dous homes son os seus tíos. A semana que vén tráense a Nadim. Tentara entrar nun caiuco, mais foi interceptado e levado de volta.
E quizais para o verán, todos xuntos vaian ver á avoa. Que morre de ganas de coñecer a súa primeira bisneta.