Bolsas de plástico

Isaac Vázquez Barro

SOCIEDAD

O ancián levántase, séntese contento, case gozoso, non sabe por que pero de seguro ten que ver con algo que soñou, esfórzase por recordar e case pode escoitar unha musiquiña e a figura de María, pero o pensar en María o soño esvaécese por completo. O espazo baleiro da cama é demasiado profundo, demasiado frío. Son as oito e apenas se pode ver luz nas rúas, pero el lévase erguendo toda a vida cedo e non vai deixar de facelo agora con oitenta e cinco anos. Mentres se ducha medita sobre a axenda do día: facer a compra e botar a partida con Manolo. No era moito para un día enteiro, pero a verdade é que agora todo lle custaba máis, aqueles brazos que antano cortaban árbores agora cansábanse cunha bolsa de froita. Almorza papas e unha mazá fera para espreguizarse, nunca lle gustou o café, tamén escolle unha laranxa para máis tarde. Antes de saír pola porta detense a acicalarse no espello que hai na entrada: camisa, chaleco a barba ben afeitada... se non fora polas numerosas engurras.

Coa compra xa nas súas mans detense no parque a tomar a laranxa, mentres a vai pelando, xura en voz alta. Xamais vira nada igual, cobrarlle as bolsas de plástico! Mentres, en algún lugar da súa cabeza comeza a soar unha música coma a do seu soño, pero ao non conseguir recordala xura de novo.

A partida con Manolo comeza coma sempre, excitada incluso entre risas: Arrastro! Corenta! Cajo na nai que te fixo! Os rivais varían pero Manolo e mais el fican. Entre partidas os temas tórnanse cada vez máis nostálxicos: recordas pescar no río? E as festas, que me dis das festas no campillo? Ao oír aquilo o vello marcha coas palabras xustas para despedirse.

Déitase cedo, a casa está tan baleira sen María que non soporta estar nela esperto máis do necesario. O ancián soña, soña co campo da festa, coa música da orquesta, pero por riba de todo soña con María. Non sabe se é nova ou vella só que é fermosa, tal como a recorda sempre. Ao redor da súa cintura están os seus brazos que a suxeitan seguros mentres bailan ao son da música, el coméntalle o prezo das bolsas de plástico, e ambos escachan a rir.

Isaac Vázquez Barro (Viveiro, 25 años) é arquiveiro.