Di o ministro De Guindos que o problema da ciencia en España non é só un problema de financiamento. Igual (isto xa o digo eu) que para un rapaz desnutrido o non comer non é o único problema se pretende correr os cen metros lisos. Pero vai ser mellor alimentalo primeiro e logo percurarlle camiseta e zapatillas. Os nosos políticos levan anos alimentando o noso sistema de I+D cunha auguiña quente e pedíndolle que corra como o mesmo Bolt. E agora intentan arranxalo afondando na mesma dieta: menos convocatorias, menos orzamentos, menos prazas... ¿Apostarían vostedes por unha mellora do doente? A ciencia fai a nosa vida mellor agora que hai cen anos. ¿Queremos contribuír a ese coñecemento e benestar, ou imos ver como o fan outros para pagarlles despois? ¿Imos aproveitar os nosos talentos ou deixalos marchar? As verbas dos nosos gobernantes din unha cousa, pero os seus feitos...
Onte os científicos saímos á rúa. En silencio. A ciencia española hai tempo que só oe unha cousa: o ruído dos cravos ao pechar o seu cadaleito.