Comprendemos que o sistema educativo ha ser sensible aos cambios sociais, recoñecidos nun marco legal, pero ha ser unha reforma tendente á adaptación máis que á transformación profunda. Este sería o modelo dunha lei de educación, de consenso, aceptada pola sociedade, adaptable aos cambios e e con garantías de sobrevivir no tempo.
A Lomce non cumpre os requisitos. Primeiro, a «autonomía dos centros» vén ser a eliminación do seu funcionamento democrático, xa que o consello escolar convértese en órgano consultivo e a dirección pasa a ter un poder excesivo na xestión; segundo, antepón as necesidades dos mercados -que marca a filosofía da lei- á formación integral do alumnado que conduza a unha sociedade máis xusta, formada, responsable e crítica; terceiro, aposta pola segregación cando se afirma que os centros poderán especializarse, que os concertos educativos se manterán nos colexios que non admiten alumnado dun sexo; cuarto, a lei convértese nun elemento de segregación e exclusión: reducir a taxa de abandono leva á proliferación de reválidas que van segregar ao alumnado desde idade temperá, que traspasa a responsabilidade ao alumnado, aos pais e aos centros, e a Administración queda exonerada neste proceso.
Por iso seguiremos reformando, porque esta lei leva a ningures, lugar que coñezo porque alí estivemos, polo menos os que temos algúns anos.