«Vargas é un tipo cheo de conflitos»

Nacho Mirás Fole

SOCIEDAD

Novos personaxes reforzan a serie de culto dos martes na TVG

07 oct 2012 . Actualizado a las 21:25 h.

A súa curmá Isabel púxolle o alcume de neno -disque foi por un cantante da época- e Ramón Castiñeiras Rodríguez (Santiago, 1963) xa foi Monti Castiñeiras para sempre. Na nova tempada de Matalobos, a gran serie realizada por Voz Audiovisual, Monti métese na pel dun xornalista de raza, Darío Vargas, un tipo complicado nunha trama complicada.

-¿Que tal iso de meterse no papel dun xornalista?

-É a segunda vez. Ata o de agora tiña o récord de médicos, avogados, cousas así. Son diferentes, o importante é que o personaxe teña vida e conflito.

-E o Vargas de «Matalobos» está cheo de conflitos...

-Si, e a partir dese conflito é cando podes crear un pouco o personaxe. Sempre che preguntan se na serie fas de bo ou de malo, pero todos os personaxes teñen algo de bo e algo de malo; o meu tamén. É un tipo con moitas contradicións, un pouco de volta de todo, canso da hipocrisía que rodea á súa profesión... É un tipo que entende o xornalismo como sinónimo de investigación e información. Pero levou moitos paus por dicir a verdade, por ser consecuente.

-A vida mesma. Hai algo de estereotipo: solitario, bebedor, desastroso na vida persoal...

-Pero non foi sempre así, é vítima dunhas circunstancias, con reveses persoais e profesionais que o puxeron no sitio onde está.

-Ademais, é un xornalista de máquina de escribir, xa non quedan tipos así, aínda que traballei con algún...

-Igual aínda hai algún ao que se lle atravesa a tecnoloxía, pode ser. Vargas ten teléfono porque non lle queda outra, pero no xornal contrataron a unha bolseira para que lle pase os textos.

-¿Inspirouse en alguén real? Coñezo varios tipos que responderían ben á descrición...

-Todas as series teñen algo de real, pero non deixa de ser unha serie de ficción. Non traballei baseándome en ninguén, tento vivir os papeis que interpreto máis que describilos.

-¿E Monti e Darío teñen algo que ver?

-Se rebuscas, sempre hai algo. Tamén tiven os meus momentos de estar farto de todo, reveses... Pero son bastante máis maniático da orde e da limpeza do que é Vargas.

-Xa gravou os trece capítulos da nova tempada. ¿Quedou satisfeito?

-Foi fenomenal. A todos os que nos dedicamos a isto en Galicia sempre nos apetece traballar nunha serie como Matalobos. Non é un tópico, o equipo é fantástico. Pensa que é unha serie complicada de facer e, para gravala e levala adiante en pouco tempo, precisas un equipo que funcione ben. Iso nótase.

-Non me vai adiantar como acaba Vargas no capítulo trece, claro...

-Os seguidores de Matalobos saben que sempre hai moitas mortes nunha tempada. Pero non podo dicir o que vai pasar comigo; ata o trece estou.

-¿En que anda metido logo de rematar a gravación?

-Agardando que chegue algunha nova oferta. Estou tentando traducir unha especie de novela americana, a ver se se pode adaptar para unha peza de teatro.

-De cando en vez vémolo en series feitas fóra...

-A última foi Los misterios de Laura. Tiña o récord de facer médicos e avogados, de ex da protagonista, pero cada vez me chaman para cousas máis diferentes. Sobre todo, para facer de malo. Facer de malo é máis divertido, os personaxes teñen máis matices. Penso que os malos son máis efectivos cando teñen cara de bo. E eu non teño cara de malo.

-¿E non se ve de gladiador en «Imperium»?

-Presenteime ao «casting» de Marco, que o fai, e moi ben, o meu amigo Jesús Olmedo.

-O dos «castings» ten que ser ben malo de levar...

-Non coñezo a ningún actor que lle gusten. Pero son necesarios, aínda que non todos están ben feitos, nalgúns non estás nin cinco minutos.

nacho.miras@lavoz.es