Incidente

Fran Alonso

SOCIEDAD

O Varas parou en seco. O calzado renxeu no chan pola brusquidade coa que se detivo.

Non había dúbida. Aquela cabeza que asomaba contra o fondo do lateral dereito do vasto comercio de Zara Home era a de Pixie. Vacilante, dubidou se entrar no establecemento. Mirou a dereita e esquerda do corredor. Non había sinais de Rica. Debía estar buscando o neno noutra sección. Non o pensou máis e avanzou, con pegada firme e contudente, cara ao lugar onde vira a súa cabeza. Xa non o vía. Abriuse paso entre coquetos e modernos mobles de hall, que agochaban da vista unha sección con complementos de baño. Detívose na zona das cortinas para ducha e, un chisco máis aló, descubriu a Pixie. Está só, absorto e entretido, sentado sobre un ouriñal con forma de pato.

-Raio co rapaz ?pensou o Varas?. Mírao alí sentado, coma se tivese dous anos!

Estaba tan abstraído que cando o seu pai se achegou a el por atrás e o arrastrou con forza por unha orella non sabía quen turraba del. Axiña se decatou de que o exceso de confianza lle xogara unha mala pasada e dera ao traste coa súa fuxida. Dentro do establecemento apenas había xente, así que o Varas cruzou con rapidez o local ata a saída, co seu fillo enganchado dunha orella e dando pequenos brincos de dor que mantiñan indiferente o proxenitor. Só a dependenta que estaba no mostrador ergueu a ollada e observounos con certo abraio.

En canto chegaron ao corredor, O Varas endereitou o neno diante del e zorregoulle unha labazada impía, descarnada, que guindou o rapaz contra un pequeno expositor cheo de luvas de la que estaba situado diante do acceso a Zara Home. Pixie arrastrou o expositor coa súa caída e todas as luvas esbarrigáronse sobre el. O golpe aparvouno e ficou sentado no chan, inmóbil, rodeado de luvas de la.

Naquel impás, o Varas decatouse de que acababa de armar un pequeno alboroto e que non lle conviña nada chamar a atención. Pero o que máis o preocupou foi ver, ao fondo do corredor, un garda de seguridade que miraba para eles ao tempo que falaba polo walkie talkie. Se cadra estaba a dar aviso, así que sen pensalo dúas veces, o Varas enganchou o neno, esta vez da man, e saíu presuroso en sentido contrario a onde estaba o garda de seguridade, que parecía dirixirse cara a eles. Efectivamente, dirixíase a eles porque en canto o Varas volveu a cabeza o individuo chamouno, berrándolle que esperase, que non correse. Non cumpriu máis sinal para que liscase, así que lles deu sebo ás canelas a fin de poñerse a salvo daquel home. Cruzar con el unhas palabras amables de desculpa non parecía o máis indicado naquel momento.

O Varas iniciou unha torpe carreira, turrando de Pixie, que continuaba aparvoado. A carreira rematou nas escaleiras mecánicas aparecidas nun deses puntos neurálxicos onde conflúen varios corredores e onde se sitúan os establecementos máis potentes e vistosos. Así e todo, non se detivo a contemplar escaparates. Subiu as escaleiras ás alancadas, apartando, con non demasiado bos modais, algunhas persoas, sen decatarse de que o razoable era baixar, pois convira con Rica que se vían no primeiro andar, o dos hipermercados. Ao final das escaleiras, coma se estivese a esperar por eles, había un ascensor coas portas abertas e ambos os dous, un voluntaria e o outro involuntariamente, entraron nel, sen cuestionárense sequera a que andar se dirixían. En calquera caso, a fortuna sorriulles e, coma quen caga nun cesto, o ascensor detívose directamente no andar dos hipermercados e mesmo diante dos fociños esfurricados de Rica, que parecía estar a piques de tentar a procura do rapaz noutro lugar onde tivese máis sorte.