¡Esa rumba da duquesa...!

SOCIEDAD

09 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Moito me temo que algúns dos que tan xenerosamente seguen esta sección se me van volver enfadar un pouco por sacar aquí á duquesa de Alba. Esa señora á que case lle podemos chamar nós tamén Cayetana, directamente, aínda que en persoa non a vísemos xamais. Posto que así lle chaman, coma se merendase con ela todas as tardes, xa non medio país, senón case o país enteiro. Pero as circunstancias mandan. E dado que un importante sector dos afeccionados vén solicitando estes días -de viva voz, incluso- un comentario ao respecto, procederemos. Da voda en si, está todo máis que contado. Ademais, e loado sexa o Ceo, polo visto e escoitado ao longo da semana, parece que non escasean, precisamente, os expertos na materia. Así que nós, se non teñen inconveniente, imos deixar a un lado todo o da alfombra colorada, a xogo co vestido da madriña, Carmen Tello, así como o que respecta á aplaudida presenza, entre os convidados, de Fran Rivera, Cayetano e Curro Romero. Nós ímonos centrar no baile da duquesa; e non nas sevillanas, por certo, nas que polo visto é unha experta, senón na rumba. Nesa rumba que bailou para dicirlle ao mundo, como ten feito tantas veces, que un, por ser maior, e mentres non lles cause dano aos demais, pode, e debe, facer o que lle pete. Porque hai idades ás que un ten que ser, ante todo, libre. Felicidades, duquesa.