O brillante erro de Einstein

SOCIEDAD

05 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando Albert Einstein finalizou a súa Teoría Xeral da Relatividade en 1915 atopou un problema: obtiña un universo que non era estático (debido, por así dicilo, a que non o era a regra de medida do espazo). Como non lle parecía ben, meteu, a saco, un sumando extra na súa ecuación final. A finais dos anos vinte Lemaître e Hubble descubriron que o universo é dinámico, e a cousa cobrou sentido: ese cachiño extra xa non era necesario na ecuación, e Einstein ata chegou a dicir que fora o maior erro da súa vida. Ese xeito de pensar levou á actual imaxe dunha orixe de todo no big bang e a discutir sobre como se comportaría a metralla xurdida desa explosión (nós somos parte dela). ¿Volvería a caer sobre si mesma, por atracción gravitatoria, ou pola contra estaría escapando sempre ata diluírse? Na busca desa resposta os premiados onte cun merecido Nobel de Física chegaron a un resultado que rebentou a nosa concepción do todo: o universo expándese, pero ollo, ¡cada vez máis rápido! ¿Por que? Porque algo descoñecido o empuxa, unha enerxía escura que supón máis do 70 % do universo. Vai resultar que aquel erro que Einstein creu cometer foi, ao final, unha brillante idea.