Unha candea con esencias de limón, colocada sobre un prato rectangular, tenta paliar os efectos fedorentos do tabaco. A mesa do salón está chea de latas de cervexa baleiras, e unha delas sérvelle a Camélia V.?P. de improvisado cinseiro mentres fuma un cigarro tras outro, diante da televisión. Deposita a cabicha no seu interior e, só uns segundos despois, nota que lle sobrevén unha arcada. Debe achacala á sobredose de tabaco e á cantidade de cervexa acumulada no estómago. Está mareada, e o chan inclínase baixo os seus pés ata formar unha pendente que oscila de esquerda a dereita. Camélia V.?P. érguese do sofá e entra no cuarto de baño sen antes prender a luz. Anicada fronte á peza do váter, introduce os dedos na boca e colócaos detrás da lingua ata que forza o vómito. Unha, dúas, tres veces. Aquelas correntes gástricas incéndianlle a gorxa e volve repetir o proceso ata que libera toda a carga que se lle acumulou no estómago. Coa cabeza apoiada no borde do inodoro, logra tirar da cisterna e ponse de pé. Acende a luz para ver o seu rostro reflectido no espello do armario. Está pálida e conxestionada. Deixa correr un chorro de auga entre as mans e humedece a cara varias veces ata que se sente un pouco mellor.
O vertedoiro está cheo de pratos sucios e ole a aceite queimado, coma sempre. Quince minutos máis tarde, xa na cociña, Camélia V.?P. abre a porta da neveira e vólvea pechar con forza ao comprobar que non quedan máis latas de cervexa. Ao momento lembra que hai unha botella de xenebra enriba dun armario. Ten que subir a unha banqueta para darlle alcance, e a piques está de escorregárselle entre as mans. O vidro está graxento e cheo de pó. A botella leva meses naquel recanto, probablemente esquecida dende algunha celebración que xa non lembra. Queda algo menos da metade do líquido, pero parécelle máis que suficiente para continuar. De novo lava as mans, prepara a mestura con zume de laranxa e regresa ao salón.
Volver empezar de novo, agora que ten o estómago baleiro e xa se nota recuperada do mareo. Aparta as latas de cervexa e estira as pernas sobre a mesa. A candea consúmese totalmente, adheríndose á superficie do prato. Tras inxerir o combinado con varios grolos longos e pouco espazados, buscando atordarse o antes posible, Camélia V.?P. deixa caer o corpo no sofá e percorre as canles de televisión co mando a distancia. Non tarda en atopar algo no que fixar a súa atención. Un programa no que se ofertan todo tipo de utensilios indispensables para o mundo moderno. Camas inchables, limpeza por vapor, útiles de cociña. Só hai que chamar o antes posible para aproveitar as ofertas. Un home sorrinte, ataviado cun mono azul moi brillante, ofrécelle un instrumento útil, rápido e flexible. A ferramenta que todo o mundo está agardando con impaciencia: o Dual-Drill Max deluxe trade desparafusador. Inclúe batería de longa duración con dezaoito vatios de potencia. Camélia V.?P. repara no mango antiescorregante e equilibrado. Podería traballar cunha soa man sen esforzo. Podería atravesar madeiras, metais, pedras e todo o que se lle puxese diante a Dual-Drill-Max. O invento perfecto.
Camélia V.?P. anota o teléfono e non dubida en chamar ao número que escintila na pantalla. Agardar máis tempo parécelle unha estupidez. Marca os números posuída por unha estraña excitación, e prende outro cigarro mentres agarda unha resposta que chega segundos máis tarde. Escoita unha voz cálida e moi familiar. A voz dunha telefonista no máis profundo da madrugada.
-¿En que podo axudala?