Gumersindo E.?V. explícase:
-Estouche falando en serio, Carlos. O teu cuñado non quixo pagar.
-Pensas que somos parvos. Mintes.
-Chamei a Mateo porque quería darvos unha explicación.
As grosas mans de Gumersindo E.?V. adquiren a viscosidade dun plástico húmido.
-Se quedara cos cartos non estaría tan tranquilo na miña casa- engade.
Carlos A.?N. bótaselle enriba. Rodan polo chan e Gumersindo E.?V. fica debaixo, inmóbil ante a súa inferioridade física. Carlos A.?N. empeza a golpearlle coas dúas mans, primeiro coa esquerda e logo coa dereita. Gumersindo E.?V. nota algo sólido no interior da boca, son os restos esnaquizados dun dente. Ten que cuspilos a un lado cando Carlos A.?N., aparentemente máis tranquilo, xa está de pé, observando uns segundos aquela masa avermellada entre os seus zapatos. O rostro de Gumersindo E.?V. está ensanguentado e ten o nariz desfeito. Carlos A.?N. propínalle agora unha patada no estómago e o salón énchese co ruxido doente dunha besta. Mateo G.?L. observa a escena co corpo apoiado na porta. Ten que apartar a vista cando Gumersindo E. V. expulsa aquel vómito verdello. Trousa sobre un anacos de cordas que os dous homes atoparon minutos antes no interior dunha mochila.
-Para dunha vez, Carlos. Se segues así haberá que levalo ao hospital.
Gumersindo E.?V. tenta incorporarse, pero non o consegue. Sobrevenlle outra arcada. O salón xira sobre a súa cabeza coma un trompo e perde o equilibrio ata que impacta con forza no chan. O golpe ábrelle unha fenda na cella dereita e o sangue, moi mesto, debuxa unha liña vermella que se estende polo pescozo. Mateo G.?L. entorna os ollos, esquecendo a imaxe do vómito, e intercepta a Carlos A.?N. antes de que siga batendo naquela faciana desfigurada polos golpes. Arrástrao ata o sofá e entre os dous homes conseguen acomodalo entres uns coxíns. Gumersindo E.?V. xa non articula. Abanea coma un boxeador vencido.
-¿Que facemos agora?- pregunta Mateo G.? L.
-Este fillo de puta quedou cos cartos.
Gumersindo E.?V. fai un esforzo sobrehumano para mover os beizos.
-Non. O teu cuñado non quixo pagar- repite.
Carlos A.?N. pretende propinarlle outro golpe, pero Mateo G.?L. reacciona con rapidez. Atrapa o brazo ao voo.
-¿Que pensas facer? ¿Matalo?
A atmosfera do salón cárgase cunha pestilencia aceda e insoportable. Mateo G.?L. corre as cortinas e abre a ventá. As luces do extrarradio salfiren o horizonte. Nota a respiración entrecortada de Carlos A.?N., que non para de dar voltas ao redor do sofá.
-Será mellor que chames á túa irmá - di Mateo G.?L.
-Sabes que hai anos que non me falo con esa puta.
-Inventa o que sexa. ¿Estiveches na construtora?
-Anselmo dixo que se me achegaba por alí despois do trato, non habería diñeiro. Teño que facerlle caso, agardar as tres semanas que nos pediu.
-Pero aceptou tratar con Sindo para facer o pagamento.
-Porque este tolo quería cobrar ao día seguinte. Ao seu xeito.
Gumersindo E.?V. abre os ollos. Segue sangrando pola boca.
-E ti non te negaches- di Mateo G.?L.-. Pareceuche ben que o ameazara de morte.
Carlos A.?N. pasa as mans pola cara coma se quixese arrincar a pel. Colle o teléfono e volve marcar o número.
-O teléfono móbil está apagado ou fóra de cobertura- respóndelle a voz metálica.
-Será mellor que vaias pola oficina, Carlos. Non é normal que leve tantos días sen dar sinais de vida.
-Levas razón. Quero verlle a cara a ese fillo de puta.
Gumersindo E.?V. perde o coñecemento. Nunca confesará que días atrás asasinou a Anselmo Vázquez Prada, propietario de Construcións Anvapra S.?L. 52 anos de idade. Veciño de Oregón.