Aurora P. G. pasa o aspirador pola alfombra da sala, unha e outra vez. Adiante e atrás. É unha alfombra marrón, con motivos floridos e debuxos de animais salvaxes. Para estender os flocos -deben estar sempre perfectamente estirados- emprega unha vasoira coas serdas duras que mercou no Eroski. Ocupa bastante tempo nesa tarefa, mesmo axudándose coas mans, ata que todos aqueles fíos forman un manto compacto. Ás veces sorpréndese pensando que é incapaz de preparar o xantar sen que antes queden aliñados ao milímetro. Peitéaos coma se tivese a necesidade de acariñar o tecido, que desprende aínda un forte olor a deterxente. Días atrás descubriu os restos dunha mancha de aceite, pero cunha toalla de papel, unha esponxa e un cepillo logrou eliminala. Nin rastro. A perfección existe.
Entra na cociña e garda o aspirador no armario da terraza. Hai un caixón con outros útiles de limpeza e colle un pano e un spray para atacar o po que se acumula sobre os mobles do salón. Co sol entrando pola fiestra sempre se distinguen aqueles puntos brancos sobre a mesa de cristal. Concéntrase na limpeza movendo o pano en círculo, despois frotando con forza, trazando liñas rectas ata que queda brillante. Sobre o cristal coloca o floreiro cun mangado de semprevivas que mercou na praza. Seguidamente, traballa o moble do televisor e os andeis onde xunta as fotos dos sobriños: primeiras comuñóns, vodas, un xantar familiar moitos anos atrás. Por último, retira os grosos volumes daquela vella enciclopedia, coas páxinas moi amareladas polo tempo e os seus mapas políticos con países que xa non existen, e fai desaparecer o po que se acumula na parte de atrás.
Aurora P.G. volve á cociña e mira o reloxo. Xa é hora de preparar o xantar, e sabe que Andrés C. S. chegará nunha hora. O ritual da semana di que os mércores sempre come na casa. Na neveira, Aurora P. G. garda os callos nun tupperware, co líquido solidificado cubrindo os garavanzos. Teñen un aspecto estupendo, e unha pequena ración vailles servir coma primeiro prato. Para o segundo, xa ten os ingredientes sobre a mesa. Deixou as migallas de bacallau a desalgar toda a noite. Agora só queda botar na tixola a cebola e o allo picado, o pemento, o tomate previamente fervido coa pel extraída. Mesturar todo co peixe e engadir arroz coa correspondente parte de auga.
O pemento picado empeza a estar no seu punto cando soa o timbre. Quitando o mandil, Aurora P. G. pregúntase quen pode ser a esas horas. Xa polo corredor baralla varias opcións: é posible que a veciña do cuarto esquerda. A presidenta da comunidade ten por costume lembrar porta por porta as reunións, que anuncia previamente cunha nota pegada no ascensor. Se cadra tamén pode ser o repartidor do butano, pero é certo que non escoitou a través da fiestra o inconfundible balbordo do camión cheo de bombonas. Abre a porta. É un home alto e forte, enfundado nun chaleque azul moi frouxo, que trae un paquete nas mans e unha especie de portafolios cheo de nomes e sinaturas. Aurora P. G. abre os ollos coma pratos, sorrindo igual que unha nena á que lle acabaran de satisfacer un capricho. Efectivamente, aquela empresa remite os envíos nun tempo récord. Días atrás fixo o pedido por teléfono e xa está alí, no interior daquela caixa empaquetada. Que sorpresa. O home solicítalle unha sinatura e o número de DNI, e unha vez cumprido o trámite entrégalle o envío antes de despedirse con rapidez.
Aurora P. G. pecha a porta. Na cociña pensa que o paquete pesa bastante, moito máis do que agardaba.
CAPÍTULO 22
Tras mercar un vestido con estampados, Camélia V. P. entra nunha cafetería que frecuenta habitualmente. Ao pouco, a dependenta do locutorio próximo aparece pola porta. Trae os ollos avermellados. En canto se decata da súa presenza, a camareira faille un aceno indicándolle que Camélia V. P. tamén está no local. As dúas mulleres sentan nunha mesa e a prostituta recibe a noticia. Xa non se poderá facer nada.
RESUMO