De primeiro prato, callos ou ensalada rusa. De segundo, chuleta de porco con patacas fritidas ou chipiróns guisados con arroz. Unha vez rematada a cerimonia do xantar no Bar Seoane, os obreiros apuran os cafés e fuman os cigarros máis saborosos do día, preparándose para continuar unha xornada que se prolonga ata máis alá das oito da tarde. Sempre devoran a comida con avidez, concentrados no contido que lle ofrecen os pratos, acompañándose de cervexa ou viño tinto con gasosa. Van vestidos cuns pantalóns de traballo azuis que delatan o seu cometido nas obras de remodelación daquela rúa. Só os chaleques fluorescentes foron substituídos por camisas de cadros ou camisolas. Os rostros curtidos polo sol, as mans rexas e os músculos endurecidos, son os mesmos que cada mañá se presentan para continuar cuns traballos que, segundo a prensa local, van con retraso.

Un dos homes, o que bebe augardente de caña en vaso de tubo, é o que máis se esforza en falar nunha mesa que xunta seis obreiros. Tras a hora da comida, as forzas minguan e o sopor fai acto de presenza. Andrés C.?S. prende un Ducados negro e exhala o fume. Mentres busca as palabras axeitadas xuntando migallas sobre o mantel, unha mosca enorme vaise deter no envase xa baleiro dun iogur.

-A miña muller estase volvendo tola. Nunca lle deu pola relixión, e agora é de misa diaria. Vai todos os días á igrexa.

-Así tamén estará distraída- responde o compañeiro máis novo, antes de remexer o café-. Ti tranquilo.

-Non sei se lle andarán metendo cousas raras no cabeza.

-Os cregos xa sabes como son. Furgan no cerebro da xente. Pero mentres non se faga dos evanxélicos ou das Testemuñas de Jehová, ti non te preocupes.

-Para min que xa nin come de tanto rezar. Está quedando nos ósos.

-Lévaa ao médico. E que te miren a ti tamén a perna. Esa ferida ten moi mala pinta.

-Só son unhas varices. Coa calor póñenseme peor. Xa pasarán.

Ao pouco, os homes saen do restaurante. Avanzan pola calzada da vella avenida, agora transformada nunha pista poeirenta ateigada de vallas, tubos e fochancas. A rúa converteuse nun decorado case bélico onde as vellas máquinas excavadoras, cementeiras e guindastres substituíron o paso demorado dos vehículos. Andrés C.?S. axusta distraidamente o casco, pon o chaleque e avanza uns pasos ata alcanzar un portal, alonxándose dos compañeiros. Prendeu outro Ducados negro e comproba que quedan xa poucas pedras por colocar na marxe dereita. A beirarrúa, ata hai meses unha pista ateigada de obstáculos, ficará practicamente rematada, corrixido o vello desnivel que obrigou a colocar algúns escalóns na anterior construción.

Ao carón dunha montaña de cemento, o condutor do camión que sostén o guindastre guía o movemento do mecanismo. Emprega un mando a distancia e as pedras descenden lentamente ata pousar no lugar axeitado. Os operarios, axeonllados na superficie que vai formando a nova beirarrúa, encárganse de encaixalas cun movemento manual, dándolle forma a un crebacabezas que se estende por máis dun quilómetro, ao longo da avenida. Unha vez deitada no chan, é preciso que a pedra se fixe con forza á superficie e que sexa nivelada perfectamente respecto ás outras. Pero aínda queda un último detalle antes de que o condutor active o guindastre. Unha mestura de forza e xeito que debe aplicarse coa ferramenta axeitada.

Andrés C.?S. é o encargado de realizar ese traballo. Anícase. Respira afogadamente. Dálle unha calada ao cigarro, sen quitalo dos beizos, e unha vez máis empeza a golpear a pedra co mazo de goma.

CAPÍTULO 13

Mateo G.?L. e Carlos A.?N. están reunidos nun restaurante situado ao carón dunha rotonda. Levan tempo agardando a chegada do motorista, e Carlos A.?N. amósase especialmente preocupado. Non deberon confiar nun cocainómano que segue sen dar sinais de vida. Para tranquilizalo, Mateo G.?L. explícalle que o motorista tivo unha avaría, razón pola que se vai retrasar máis tempo do previsto inicialmente.

RESUMO