A memoria da humanidade

SOCIEDAD

Falando de lecturas de verán, a ninguén se lle oculta, tampouco, que a verdadeira literatura, a deses libros impagables que século tras século fan preguntas que talvez nin sequera os seus autores imaxinaron, non existiría se non fose polos grandes lectores, que son os que fan posible que a inmortalidade habite as súas páxinas. Eses lectores, os que frecuentan non o que se escribe para pasar o tempo, senón o que se crea para todo o contrario -é dicir, para tratar de evitar que os días se derramen de maneira inútil, a forza de horas malgastadas-, son sen dúbida unha das máis firmes columnas sobre as que se asenta a nosa cultura; e a civilización, claro. O que nos protexe da barbarie. Todos coñecemos, por sorte, moitos deses amigos dos libros. E quizais sexa hoxe o día de renderlles homenaxe; e de rendérllela a vostedes, por tanto. Se lles parece, na persoa de Marina; de Marina de Padín, que naceu, cando Paavo Nurmi comezaba a gañar as súas primeiras medallas e os dirixibles andaban polo aire, nunha Galicia que daquela vía camiñar as sombras dos defuntos polos lugares máis insospeitados. A Marina, que aínda non hai moito fixo andando, desde Sillobre, o Camiño Inglés a Santiago, gústanlle os libros que esixen do lector un esforzo semellante ao de atravesar mares; e ao mesmo tempo, falar coa terra e co vento e cos animais da casa, como se falaba antes. É filla do tempo no que se contaban milagres ao pé do lume. No seu corazón e nos seus ollos habita a memoria da humanidade.