Sol e nubes

Xosé R. Bustelo

SOCIEDAD

Xa temos fumata bianca para o posto de director do CNIO, un dos centros de investigación máis punteiros do noso país a nivel internacional. Esta noticia serve de desculpa para comentar algúns puntos positivos e negativos sobre a estruturación e gobernanza do sistema científico español. Penso que o aspecto máis positivo do CNIO foi a demostración de que é posible ter centros altamente competitivos no noso país se se eliminan as trabas crónicas do noso sistema académico: a endogamia, a falta de financiación para garantir o éxito de proxectos científicos de fronteira e a mentalidade funcionarial que afecta a moitas das nosas institucións académicas. Isto debe servir de alicerce para crear novos centros de investigación que sigan a mesma filosofía e, ao mesmo tempo, para reformar outras institucións científicas xa existentes en España.

A cruz da moeda é o alto grao de interferencia política que afectou ao proceso de cambio de director do CNIO. A substitución de Barbacid estaba xa contemplada desde hai tempo e desenvolvíase conforme ao adoitado en centros de investigación internacionais: búsqueda de científicos capacitados para o posto e avaliación científica dos mesmos por parte dun comité internacional de expertos. Lamentablemente, este proceso quedou prostituído recentemente debido a razóns de vendeta persoal da ministra de Ciencia sobre a figura sempre incómoda, por independente e defensora do CNIO, de Barbacid. O resultado foi unha peza de vodevil que conlevou a renuncia dos principais candidatos preseleccionados, a dimisión dos expertos que compoñían o comité científico externo, a búsqueda infrutuosa doutros directores por toda a pel de touro durante este último mes por parte do ministerio e, finalmente, a decisión final sobre un novo director por parte dun patronato fundamentalmente político. Isto e algo que nin o CNIO nin o antigo e novo director merecían. Da arrepíos pensar que, a partires de agora, está aberta a veda para a intromisión dos políticos no funcionamento dos centros de investigación españois.

Bustelo é profesor de investigación do CSIC no Centro de Investigación do Cancro de Salamanca