Podes comprobalo ti mesmo, só é un momento. Abonda con coller un libro calquera dos que máis queremos e abrilo do revés, para experimentar a angustia que produce ver que as letras deixan de ter significado, converténdose en minúsculos regos de tinta negra. ¿E a que vén isto...? Pois a que talvez algúns levabamos tanto tempo deslumbrados polo espellismo do innecesario, do que non é senón superfluo, que xa perderamos case por enteiro a capacidade de valorar o verdadeiramente importante; eses tesouros que, por culpa da nosa torpeza, non botamos de menos ata que desaparecen. En medio deste desastre, do que só parecen saír indemnes (coa única excepción dalgún chibo expiatorio escollido por eles mesmos para lanzar aos pés dos cabalos) os que o provocaron desde os seus despachos inmensos, con pouquísimos papeis na mesa, quizais sexa máis urxente que nunca recordar que non se debe renunciar ao que permite seguir camiñando. Como contar o que pasa, por exemplo. Ser libres non sae barato. Pero lembremos que todo pasa, e non perdamos máis tempo escoitando discursos baleiros. Só así poderemos recuperar o sosego necesario para comprender a verdadeira importancia do pan que sabe a lume e a pedra, da Compostela envolta en versos de García-Bodaño, da Última Bretaña fotografada por Koldo Chamorro, das voces traídas de Occitania por Darío Xohán Cabana e da terra do misterio na que unha noite viu pasar a Santa Compaña Moncho Pernas.