Apublicación de Corre r, a nova novela do escritor francés Jean Echenoz, volve traer á primeira liña da actualidade a figura de Emil Zatopek, o atleta checo que asombrou ao mundo a mediados do século pasado; en especial cando gañou tres medallas de ouro nos Xogos Olímpicos de Helsinki, onde venceu nas probas de 5.000, 10.000 e maratón. Son xa moitos os anos que pasaron desde aquelas vitorias, logradas no tempo no que as pistas de atletismo, marcadas con liñas de cal branca, eran de cinza prensada, e as zapatillas de cravos dos corredores parecían, antes que unha segunda pel, material de escalada.

Pero a figura de Zatopek, o seu correr agónico e o seu rostro atormentado, formarán parte xa, para sempre, dun universo mítico que vai máis alá das fronteiras do deporte. Para quen ama o atletismo, o vello Emil, sempre disposto a perseguir o imposible, representa non só o triunfo, senón a capacidade para plantarlle cara á adversidade.

Pero a algúns, a pesar do moito que o admiramos (máis dunha vez o temos citado), a imaxe de Zatopek váisenos perdendo nas néboas do pasado. Bórrasenos conforme se engrandece outra imaxe distinta: a dun Zatopek de rostro máis ferido aínda polo sufrimento que o da época dos podios e os aplausos. O home que cando xa deixara atrás os seus anos de corredor foi expulsado do exército, no que era coronel, e humillado publicamente por defender a liberdade fronte aos tanques soviéticos, na Primavera de Praga. Pregúntome que pensará hoxe Zatopek do que nos agarda. ¿Que dirá el alí, mentres corre pola eternidade?